A Deputación financiará a redacción do proxecto para a casa de Díaz Castro

Reserva 10.000 euros nos orzamentos. Xermolos busca apoios para impulsar a rehabilitación

Álvaro Santos y Regina Polín, en O Vilariño. EP
photo_camera Álvaro Santos e Regina Polín, no Vilariño. EP

A Deputación de Lugo reservou nos seus orzamentos unha partida de 10.000 euros destinada a custear a redacción do proxecto de rehabilitación da casa natal do poeta Xosé María Díaz Castro, localizada na aldea do Vilariño, na parroquia guitiricense dos Vilares, e que o escritor cedeu á asociación cultural Xermolos.

"Impulsar a figura de Díaz Castro é impulsar o patrimonio inmaterial de todos os galegos", asegurou o deputado provincial Álvaro Santos, quen destacou o "valor" que ten a figura do poeta para o municipio no que nacía en 1914.

Por iso, a Deputación sumouse á causa de Xermolos, que leva anos buscando apoios para rehabilitar a vivenda e convertela na Casa da Xente. "Poñemos á súa disposición estes fondos para iniciar os traballos de recuperación da casa natal, arrincando coa elaboración do proxecto que defina as actuacións que é necesario levar a cabo", confirmou Santos.

A alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, agradeceu o apoio da Deputación, non só nesta iniciativa senón tamén na creación da Ruta da Pedra, o Centro de Interpretación, un documental, unha exposición ou unha escultura, investindo uns 75.000 euros.

Comentarios