jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

A Deputación coruñesa renovará a estrada de Goente á Faeira

O ente provincial destinará 1,4 millóns á ampliación de 9 quilómetros da DP-1802

A Deputación da Coruña destinará 1,4 millóns de euros á mellora da estrada DP-1802, que vai de Veiga de Cabana ás Pontes, concretamente nos nove quilómetros que discorren polas parroquias pontesas de Goente e A Faeira.

As obras, que foron aprobadas por unanimidade na comisión de Vías e Obras da Deputación, serán referendadas definitivamente polo pleno provincial, que se celebrará este venres, e contan cun orzamento total de 1.462.425 euros.

O goberno provincial, presidido por Valentín González Formoso, dá así luz verde ao que sinala como "un importante proxecto" que permitirá ensanchar a estrada e mellorar a seguridade viaria.

A través deste proxecto ampliarase a sete metros a plataforma da estrada desde o punto quilométrico 0,00 ao 8,80 -a vía arrinca no cruzamento de Casa Díaz, onde entronca coa AC-564, e pasa polos núcleos de Goente e A Faeira-.

As obras, ademais, reforzarán a seguridade de vehículos e peóns con beiravías de medio metro e o proxecto tamén incluirá a construción dun sistema de drenaxe e recollida de pluviais, a completa renovación do pavimento da estrada e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical.

SENDA. Nos primeiros 281 metros da estrada, xusto onde conecta coa de Cabanas-As Pontes, executarase unha senda peonil de dous metros de ancho. O novo camiño discorrerá pola marxe esquerda da estrada. "Con esta actuación preténdese garantir a circulación dos viandantes en condicións de seguridade axeitada", explican desde a Deputación da Coruña.

A Deputación coruñesa renovará a estrada de Goente á Faeira
Comentarios