A Deputación da Coruña financiará a renovación do pavillón das Pontes

A rehabilitación superará os 200.000 euros
Valentín González Formoso. CRISTINA ARIAS
photo_camera Pavillón Polideportivo das Pontes. GOOGLE MAPS

A Deputación da Coruña anunciou este luns que financiará de forma conxunta co Concello das Pontes un proxecto valorado en 228.796,59 euros para a renovación integral do pavillón polideportivo da localidade, contiguo ao colexio Monte Caxado. 

O presidente do organismo provincial e alcalde pontés, Valentín González Formoso, asinou un convenio sobre este plan co tenente de alcalde, Antonio Alonso. Así, o ente herculino achegará 180.000 euros. 

Segundo a Deputación coruñesa, "os traballos inclúen a rehabilitación da cuberta, eliminando o material actual de fibra de cemento e o falso teito na zona da pista polideportiva". 

Deste xeito, substituirase "por un panel con illamento interior" e incorporaranse "dous aireadores para mellorar a renovación do aire". Igualmente, contémplase "a rehabilitación de gran parte da fachada, eliminando o actual fibrocemento" para introducir "un panel coas mesmas características que o do tellado". 

Finalmente, o organismo comunicou que se instalará un novo pavimento deportivo de zona elástica e se renovará a iluminación e a tecnoloxía led". 

Segundo González Formoso, "trátase dunha obra moi necesaria; o pavillón foi construído a finais dos anos 80 e só sufriu rehabilitacións parciais". Por iso, opinou que precisa "unha actuación en profundidade para responder á demanda existente no concello". 

comentarios