Mil e un actos na Chaira para festexar as letras de Florencio

Concellos, bibliotecas e colectivos organizan actividades polo 17 de maio, aínda que moitas se estenden toda a semana
Actuación no Campo da Feira de Guitiriz. EP
photo_camera Actuación no Campo da Feira de Guitiriz. EP

Mergullarse na obra, na vida e nas curiosidades de Florencio Delgado Gurriarán é o que toca este martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas. E para iso, bibliotecas, concellos e asociacións programan actos nos que achegarse un chisco máis á pegada que deixou o autor nado en Vilamartín de Valdeorras alá por 1903. Para moitos é aínda descoñecido, pero para iso están as Letras, para facerlle xustiza ao seu nome.

Algunhas actividades que o honran celébranse hoxe, outras esténdense ao longo de toda a semana e algúns xa as deixan festexadas. É o caso do Instituto de Estudios Chairegos (Iescha), que foi o primeiro en abrir os actos o día 6 coa conferencia ofrecida polo doutor Miro Villar, quen puxo en valor a poesía que cultivou Florencio Delgado Gurriarán desde o exilio en México.

Concerto das Letras Galegas nas Pontes. M.MANCEBO
Concerto das Letras Galegas nas Pontes. M.MANCEBO

Un día máis tarde, nas Pontes acollían o Festival da Banda Escola das Pontes no Cine Alovi, onde a Escola de Música, a banda xuvenil e a banda cultural aproveitaron para homenaxear o escritor.  

Desde o Concello pontés continuaron apostando por unha especie de simbiose de música e de literatura, e o grupo A Banda da Loba subiu ao escenario do Alovi. Alí presentaron o pasado sábado Xabón Lagarta, un traballo inspirado no universo vital das lavandeiras e dos lavadoiros no que exprimen composicións propias e algunhas inspiradas na poesía de Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Celia Parra, Andrea Nunes ou Rosalía Fernández Rial, nomes a través dos que exploran a diversidade ou o feminismo.

Andaina en Bordelle. EP
Andaina en Bordelle. EP

Medio cento de persoas participaron a pasada fin de semana na cuarta andaina das Letras que organiza a asociación Casa da Escola de Bordelle. Saíron do local e pasaron pola capela de Santiago, Pena Grande ou o muíño de Caxigueiro, para logo ler un resumo da bibliografía de Delgado Gurriarán e xantar xuntos.

E este luns, Guitiriz fixo coincidir os seus Xogos da Primavera, que desenvolven dous luns ao mes para fomentar a relación entre nenos e maiores a través dos xogos de sempre, coa conmemoración do día grande das Letras. Logo de rematar coa mariola, a rá ou a buxaina, o alumnado da Uned Sénior ofreceu unha actuación no Campo da Feira de Guitiriz, que deixou paso á lectura de poemas de Florencio Delgado Gurriarán e ao concerto do grupo de gaitas da Escola de Música de Guitiriz.

Visita dos usuarios do centro de día de Guitiriz á exposición da Casa Habanera. EP
Visita dos usuarios do centro de día de Guitiriz á exposición da Casa Habanera. EP

Os maiores do municipio tamén renderon a súa particular homenaxe ao autor de Bebedeira e Galicia infinda, pois usuarios do centro de día Casa Capataz visitaron a exposición sobre a súa vida e obra na Casa Habanera. E precisamente nesta mostra se inspira o Desafío 3x2 que programan o Concello e a biblioteca. Entre mércores e venres, os participantes deberanse achegar á Habanera, ler os paneis sobre o escritor e escanear un código QR no que aparecerán os retos aos que se hai que enfrontar. O día 23 anunciaranse os nomes dos vencedores, que optan a un sanandresiño ou a un pack promocional do Xacobeo, con camiseta e bolsa.

De desafíos tamén vai en Begonte, onde prepararon un Pasapalabra virtual para xogar en familia. Disponse de oito minutos e cinco erros permitidos para dar coas 22 palabras galegas a descubrir.

Pola súa parte, en Xermade estará este xoves a Scape Room Magic na biblioteca ás 18.00 horas, unha actividade dirixida aos pequenos de catro a doce anos.

Meira, Guitiriz e As Pontes programaron actos para este martes. En Meira leuse un poema de Delgado nun día que serve para reivindicar unhas Letras para Avelino Díaz e que finalizou coa actuación do grupo de saxos sénior da Escola de Música de Meira.

En Guitiriz eran as pandereteiras Na Casa Zoqueiro as que homenaxeaban a Florencio Delgado, mentres que nas Pontes, onde a biblioteca habilitou puntos de lectura nos bares durante toda a semana, a música foi a protagonista no Liceo, onde tocaron No Cómbaro e a Rondalla Vila das Pontes, tras a intervención de José María López Ferro e Alalá. Tamén Sole Felloza se uniu á celebración coa proposta Vendimando versos

Árbore da residencia de maiores de Vilalba. EP
Árbore da residencia de maiores de Vilalba. EP

Ademais, en Vilalba, concretamente na residencia de persoas maiores, festexaron este sinalado día cunha lectura continuada e a elaboración dun mural no que representaron a lingua galega coma unha árbore á que hai que regar "todos os días", mentres que no Museo do Castro de Viladonga foron Tania Fernández Lombao, cun recitado, e Leña Verde, cos seus sons, os que axudaron a comemorar este 17 de maio.

Xa o 19, Duende Sico levará monicreques á pontesa Casa Dopeso ás 18.00 horas, mentres que o venres será a quenda, no mesmo lugar e á mesma hora, de Excéntricas Teatro do Adro con Cartoóns.

Lectura continuada na residencia de persoas maiores de Vilalba. EP
Lectura continuada na residencia de persoas maiores de Vilalba. EP

O broche de ouro virá da man de Xermolos. Na súa Festa da Fala, a onde se chegará tras facer a Ruta da Auga desde Guitiriz ou Parga, haberá artesanía, misas e procesión no San Alberte, sesión vermú con Sons da Aldea e Bruxainas e liscos e chourizos gratis. Pola tarde, Lucía Gómez presentará a obra con pictogramas Un legado infindoAlba María e Eva Teixeiro falarán da poesía e da improvisación e Xurxo Souto e Richi Casás homenaxearán a Manuel María.

Adiada a celebración  no Campo de San Xoán ao 24 de xuño
A celebración prevista para este martes no Campo de San Xoán, en Vilalba, quedou adiada ao 24 de xuño debido á meteoroloxía. A cita, organizada pola asociación de veciños da praza e o Concello, ía contar coa lectura de poemas por María Xosé Lamas e Corredores de Sombra e o concerto de Buxos Verdes.

Comentarios