Día da Muller: Imaxes a prol da igualdade

A coordinadora de anpas Abrente das Pontes e os concellos de Xermade e de Begonte convocaron candanseu certame polo 8-M 
Entrega de premios do concurso fotográfico de Xermade polo 8-M. EP
photo_camera Entrega de premios do concurso fotográfico de Xermade polo 8-M. EP

Malia a pandemia, foron moitos os concellos e colectivos que non quixeron deixar pasar sen conmemorar o Día Internacional da Muller, promovendo actos nos que a prevención e gardar as dintancias de seguridade non fosen un problema. E entre as posibilidades existentes, os concellos de Xermade e de Begonte e a coordinadora de Anpas Abrente das Pontes optaron polos concursos online.

O Concello de Xermade convocou un concurso de fotogafía para os veciños, no que as imaxes participantes debían plasmar escenas da vida da muller xermadesa. Entre as máis de 70 fotos recibidas, o xurado escolleu Sempre labrega, de Carmen Blanco Purriños como gañadora, concedéndolle un premio de 300 euros.

"Sacar fotos para min é un vicio e cando saíu a convocatoria dun concurso no meu concello, non ía deixar de participar", explica Carmen, que asegura que dende o principio tiña claro que quería facerlle unha foto a súa nai: "Quen mellor ca ela para representar ese espírito loitador da muller no rural?", di.  Aos 81 anos, súa nai reduciu as visitas á horta, pero segue a ir de cando vez e ela aproveitou para seguila e retratala "in situ e 100% natural".

O segundo premio, dotado con 200 euros, recaeu en Laureano de Bernardo Paz, con Nunca é tarde para aprender, e o terceiro, de 100 euros, foi para Estercando na leira das patacas, de Leticia Alvite Pernas.

Fotografías premiadas no concurso de Xermade
Sempre labrega. CARMEN BLANCO PURRIÑOS
Sempre Labrega Carmen Blanco Purriños 1º Premio
CONCURSO 8M XERMADE (2)
Nunca é tarde para aprender Laureano de Bernardo Paz 2º Premio
CONCURSO 8M XERMADE (3)
Estercando na leira das patacas Leticia Alvite Pernas 3º Premio

 

No Concello de Begonte tamén lle convocaron o certame Unha muller, un traballo igualitario, para visibilizar o traballo feminino a través de fotos, debuxos, disfraces... As propostas, igual que en Xermade, pódense ver nas redes sociais do Concello co hashtag #8MBegonte aínda que neste caso non houbo premios individuais, senón que todas as persoas que se sumaron á convocatoria reciben unha pulseira conmemorativa como agasallo.

Pulseiras conmemorativas de Begonte. EP

Nas Pontes, a coordinadora de anpas Abrente organizou o seu primeiro concurso sobre o 8-M, aberto á participación das familias con estudantes matriculados na escola infantil, nos colexios, nos institutos ou no conservatorio.

Na modalidade de vídeo, que repartía vales de 120, 80 e 50 euros para canxear nos negocios de hostalaría da localidade, impúxose Julieta Romero, do Ceip A Magdalena. O segundo posto foi para Sía Lamas De la Rosa, do mesmo centro, e o terceiro para Ariadna Pereira Benito, da escola infantil A Barosa. 

Primeiro premio en mural do concurso de Abrente nas Pontes. EP

En foto mural, o primeiro premio, de 70 euros, recaeu en Uxía Piñón Calvo, do IES Moncho Valcarce; o segundo, de 50, en Dani Carballo Felgueiras, do Ceip Santa María; e o terceiro, de 30 euros, en Alexia e Ángela Barcón Blanco, da Magdalena.

Comentarios