Devoción a mares no San Cosme de Galgao que recupera a bendición de animais

Centos de fieis achegáronse ao longo de toda a xornada á tradicional romaría
A procesión de fieis. S. IGLESIA
photo_camera A procesión de fieis. S. IGLESIA

Nin a incesante chuvia, nin o feito de ser un día laboral puideron facerlle fronte ao mar de devoción que asolagou a tradicional romaría do San Cosme de Montaña, na parroquia abadinesa de Galgao. 

Ata alí se achegaron centos de fieis de toda a comarca chairega e da Mariña lucense con múltiples razóns ás súas costas. Moitos, a maioría, fano pola veneración a un santo médico ao que lle piden "sobre todo, pola saúde", afirmaba un bo coñecedor desta cita, o expárroco de Galgao, Antonio Domínguez, que xunto co actual cura, Manuel Polo, ofreceron seis misas ao longo de todo o día, sendo a máis concorrida a das 13.00 horas. 

Ademais do oficio relixioso, unha morea de asistentes cumpría coa súa ofrenda persoal, pola que se dan varias voltas arredor da igrexa –o número varía segundo a persoa– portando unha imaxe do San Cosme ou figuras de cera, cada unha coa súa respectiva representación. Mans, pernas, vacas ou corpos humanos son algunhas das formas que se podían ver nas múltiples procesións. "Os devotos compran figuras e déixanas aquí para que outros as poidan coller en función do que queiran pedir", explicaba José Antonio Díaz mentres atendía a unha longa ringleira de interesados en facerse con cirios, estampas e imaxes do santo. 

Para outros, pesa tanto a relixión coma a tradición. "Recordo vir aquí toda a miña vida, xa dende pequena, e seguimos vindo andando tódolos anos", comentaba unha das valentes chegada dende Mondoñedo xunto a outras dúas compañeiras despois de dúas horas de andaina. 

A moitos pesáballes a nostalxia e recordaban as merendas que se estendían polos prados, a igrexa na que "non se podía nin andar" e as inxentes limosnas que se traían: trigo, colleitas de todo tipo, foguetes ou diñeiro. 

Tamén lembra a bendición dos animais, un acto que se rescatou este ano grazas á teima duns cantos. "Viñemos cuns 20 animais", apuntaba Magín Rus, un dos organizadores desta recuperación que partiu dende Gontán pouco despois das once da mañá, para chegar a punto. Rus e os demais participantes animaron a traer "vacas ou o que sexa", xa que as protagonistas de onte eran, na súa maioría, bestas. "Era algo de sempre e está ben que non se perda", dicían algunhas voces. 

Despois dos actos relixiosos, e como toda romaría que se precie, os postos de rosquillas e de churros, o polbo á feira, o xamón cocido e o churrasco puxeron a punto aos romeiros, que un pouco antes comezaran a troula coa música dos Adrianos. 

Este sábado continúan os actos cunha misa solemne ás 13.30 –o domingo será á mesma hora– e as actuacións de La Hora Bruja e o dúo Epo-K, días nos que se confía en que a afluencia sexa aínda maior.

Comentarios