Detido un veciño de Vilalba acusado de violación e violencia de xénero

O home abusaría en dúas ocasións da muller coa que mantiña un noivado

Foto de archivo del acto de denuncia contra de la violencia machista. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera En contra de la violencia machista. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un veciño da capital chairega foi detido o pasado martes día 30 de outubro polos axentes do cuartel de Vilalba acusado presuntamente de cometer dous delitos de violación con acceso carnal e un de violencia de xénero contra a muller coa que ao parecer mantiña un incipiente noivado.

Os feitos dos que se lle acusa remóntanse ao pasado mes de agosto, segundo explicaría a propia vítima no momento de presentar a denuncia, que foi interposta a pasada semana nunha comisaría da capital lucense. Na súa declaración, a denunciante manifestou que o home se aproveitou da súa situación de vulnerabilidade para obrigala a manter relacións sexuais non consentidas.

Estas dúas violacións con acceso carnal producíronse en Vilalba, segundo relatou a vítima os axentes, aos que tamén lles explicou que o agora detido exercería violencia psíquica sobre ela. Ademais dos abusos, a muller sufriu supostamente todo tipo de vexacións durante o tempo no que compartiu noivado co detido.

Nunha ocasión, o acusado substraería presuntamente un vehículo que era propiedade da denunciante. Este episodio, do que tamén terían coñecemento os axentes da Garda Civil de Vilalba, que se encargaron da súa detención por este incidente, produciuse nas mesmas datas que as presuntas violacións, coincidindo coa celebración das festas de San Ramón e Santa María na capital chairega.

O home, que sería un vello coñecido dos axentes do cuartel de Vilalba por tratarse dunha persoa presuntamente conflitiva e con numerosos antecedentes penais, tamén está a ser investigado por un quebrantamento de condena por conducir co permiso retirado.

Por esta infracción, ademais das dúas violacións e o delito de violencia de xénero, o acusado xa foi posto a disposición xudicial no xulgado de Vilalba hai uns días.

Tras tomarlle declaración, o xuíz decretou a posta en liberdade do home. O que non transcendeu aínda é se o maxistrado decidiu establecer algún tipo de medida cautelar ou de protección para a vítima.