Detido por facer lume na estación de Vilalba e empuxar a un axente

A Garda Civil reprendeu ao home, que pasa a noite no edificio vilalbés, e este resistiuse. Enfróntase a un delito de lesións
photo_camera Estación de autobuses de Vilalba. ARQUIVO

A Garda Civil de Vilalba detivo este domingo a un veciño da capital chairega logo de pillalo facendo unha fogueira no interior da estación de autobuses, onde pasa a noite algunhas noites, tras o que se encarou aos axentes e forcexou con eles.

Os feitos ocorreron o domingo a última hora da tarde cando unha patrulla da Garda Civil descubriuno plantando lume a uns leños, posiblemente para poder quentarse e evitar as baixas temperaturas destas noites.

Ante o risco que supuña o lume no interior do edificio, os axentes advertírono e obrigárono a que apagase a fogueira, algo que non se tomou ben, polo que se resistiu e enfrontouse a eles, empuxando a un dos gardas ao que lle causou lesións leves.

O detido, que ten problemas coas drogas desde hai anos e é un vello coñecido polos corpos de seguridade na capital chairega, pasou este luns pola mañá a disposición xudicial e prestou declaración fronte á xuíza en Vilalba, tras o que quedou en liberdade.

O home, que pasou un tempo vivindo no seu vehículo e ultimamente pasaba a noite na estación de autobuses da capital chairega, enfróntase a un delito de lesións leves, que se suma a unha lista máis longa, xa que xa se lle investigou por outros pequenos delitos.

EDIFICIO CON POLÉMICA. Con este suceso volve a polémica á estación de autobuses de Vilalba, unha instalación de titularidade pública que a Xunta de Galicia quere ceder ao Concello para pechar a instalación e dedicala a outros usos. En proxecto está crear unha dársena nova para o uso dos pasaxeiros.

O edificio que está aberto todo o día e toda a noite, foi durante anos o lugar escollido por algunhas persoas sen teito para durmir. A finais do ano pasado desaloxouse a unha familia que tiña montada unha habitación nun dos locais. Ademais, as queixas sobre o seu estado de abandono sempre foron recorrentes.

Comentarios