A detida de Meira suma máis de 100 denuncias polos conflitos veciñais

Non constatan máis agresións á súa nai pero ten antecedente por ameazas e inxurias ► A muller xa regresou á vivenda de A Pena e a súa proxenitora foi dada de alta no Hula

Vivienda en Meira en la que se produjo la agresión. CRTVG
photo_camera Vivenda en Meira na que se produciu a agresión. CRTVG

A muller detida no barrio meirego de A Pena, na madrugada do martes, logo de cometer supostamente un delito de malos tratos no ámbito familiar ao lanzar a súa nai, de 90 anos, polas escaleiras da vivenda na que reside de aluguer desde hai uns meses, suma máis de 100 denuncias por conflitos veciñais.

Así o confirmou o mércores a subdelegada do goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, quen precisou que non constan outras agresións á súa proxenitora, pero si "máis de 100 dilixencias por ameazas, contra o patrimonio e delitos contra a honra e inxurias".

"Trátase dunha persoa coñecida polas forzas e corpos de seguridade do Estado por ter leas cos seus veciños", asegurou Rodríguez, indicando que o último feito no que se viu envolta "é máis grave". "A nai ten dificultades de mobilidade e estaba en cadeira de rodas", recordou.

A presunta agresora pasou o mércores a disposición xudicial en Vilalba, aínda que aínda non transcenderon as medidas cautelares que se lles van a aplicar, se é que o xuíz determina algunha.

Mentres tanto, os veciños de A Pena mostráronse molestos e indignados, xa que apenas unhas horas despois da agresión á nonaxenaria e da súa detención, a muller regresou á vivenda e volveu incomodalos. "Nada máis chegar xa puxo a música a lume de biqueira ata altas horas da madrugada", contaron algúns deles, que esperaban que pasase retida máis tempo.

A propietaria da casa en que vive a agresora iniciou accións para botala do inmoble e devolver a tranquilidade ao barrio

"Sempre falan das 72 horas, neste caso non botou nin doce", criticaban, asegurando que tamén chegaran a ver á anciá, polo que sería dada de alta no Hula, onde foi trasladada cun traumatismo cranioencefálico e con diversas erosións en cóbados, xeonllos e nocellos.

"Estivo por aquí pero xa marchou nun coche cun home que cremos é a parella da muller. Supoñemos que irían para o País Vasco", sinalaron os veciños "fartos" dunha situación que cualifican de "insostible ".

"Insúltanos, chámanos maltratadores de animais, guarros, tíranos lixo e de todo. Así dende o primeiro día que chegou", relataba unha veciña, mentres outro explicaba que decidiran recoller firmas para visualizar o seu "calvario", un documento que "foi entregado á Garda Civil".

As denuncias e as firmas son as primeira medidas que tomaron uns veciños "desesperados" que piden "máis apoio do Concello". "Alguén nos ten que dar unha solución, quedou máis que demostrado que se trata dunha muller conflitiva e agresiva e non a queremos aquí", engadiron.

Botala é o obxectivo que ten a propietaria da casa, que desde que coñeceu a situación tratou de mediar no conflito. "Eu alugueille a casa como o fixen con outras familias e nunca houbo ningún problema. Pero con ela desde o principio foi mal, non respecta á xente", recoñeceu a muller, que veu a A Pena —reside normalmente en Madrid— para falar con ela.

"Non quixo, non me recibiu, así que lle advertín que tomaría accións legais. Agora o tema lévao o meu avogado", advertiu, asegurando que o contrato de aluguer non está en regra —aínda que a agresora paga as mensualidades—, e que ademais fixo obras na casa para as que non tiña autorización.