Desestimado o recurso de Erimsa contra a anulación do permiso para unha explotación de cuarzo

O Concello da Pastoriza invalidara a autorización alegando que a declaración de impacto ambiental estaba caducada
photo_camera Casa consistorial da Pastoriza. ARQUIVO

A sala segunda do Tribunal do Contencioso Administrativo de Lugo desestimou o recurso presentado pola compañía mineira Erimsa contra a anulación do permiso para unha explotación de cuarzo en varios municipios da Terra Chá

O fallo, contra o que cabe recurso, desestima integramente o recurso da empresa á denegación do Concello da Pastoriza do permiso para explotar o proxecto Alicia 5917, que tamén se estendía aos veciños municipios de Abadín, Castro de Rei, A Pastoriza e Vilalba

A maxistrada recorda na súa sentenza que a Lei Reguladora de Bases de Réxime Local outorga ás administracións municipais as competencias en materia de medio ambiente e, polo tanto, entra dentro dos poderes dos municipios controlar a vixencia dunha declaración de impacto ambiental (DIA). E é que a anulación do permiso de explotación ditada polo goberno local da Pastoriza asentouse na consideración de que a declaración de impacto ambiental do proxecto Alicia 5917 estaba caducada, pois o documento fora elaborado no ano 2005. 

Neste sentido, a xuíza falla que o Concello obrou "en exercicio da súa potestade" á hora de determinar a vixencia da DIA e recorda que sería diferente no caso de que se encargase de outorgala, posto que esa non é unha competencia da administración local. 

Ademais, a maxistrada sinala que a xurisprudencia apunta que a prolongación sine die dunha declaración de impacto ambiental "podería prexudicar" a protección do medio ambiental, polo que considera "facilmente entendible" que a lexislación sectorial "vaia modificándose, xeralmente aumentando os estándares de protección, sendo natural que o que vale nun momento dado non o sexa nun posterior". 

"A DIA non pode petrificar os seus efectos no tempo nin tampouco pode tratar de aplicarse a un proxecto distinto ao que está indisolublemente unida", apunta a xuíza María de los Ángeles Braña no seu fallo.

Comentarios