O desfile de Entroido de Vilalba reparte o día 25 máis de 5.000 euros en premios

O Concello aumentou este ano as contías en todas as modalidades
Desfile del Entroido de Vilalba de 2019. ARCHIVO
photo_camera Desfile do Entroido de Vilalba de 2019. ARQUIVO

O Concello de Vilalba celebrará o martes 25 o seu tradicional desfile de Entroido, no que este ano se aumentaron as contías en todos os premios e repartiranse un total de 5.180 euros entre as categorías individual, parella e comparsas, tanto en infantil e xuvenil como en adultos.

No apartado de participantes de cero a 14 anos, os tres mellores disfraces individuais levarán 80, 50 e 30 euros, mentres que en parellas as contías serán de 125, 100 e 75 euros. En comparsas haberá tres premios, de 300, 220 e 160 euros.

Na competición de adultos, a maior dotación será para comparsas, na que este ano se inclúe un quinto premio. O grupo gañador levará 700 euros; o segundo, 500; o terceiro, 400; o cuarto, 300, e o quinto, 200. En individual, as tres mellores propostas recibirán 110, 80 e 50 euros e en parellas, 140, 100 e 60.

Tamén haberá premios especiais no apartado de comparsas, acumulables a outros, que serán de 200 euros cada un para os grupos máis orixinal e máis simpático. Ademais, repartiranse outros 1.000 euros entre todas as comparsas que participen e non logren premio cun máximo de 100 euros por agrupación.

O prazo para anotarse finaliza o venres 21 ás 14.00 horas. As bases do concurso pódense consultar na web municipal vilalba.org. O desfile arrincará ás 17.00 horas da Rúa Castelao, aínda que en caso de choiva trasladarase o evento ao pavillón municipal. Ao finalizar, todos os participantes poderán degustar un chocolate con churros.

Comentarios