Álvaro Bergantiños expón 13 das súas obras no Madia Leva de Baamonde

O deseñador gráfico lucense, formado na Escola de Arte Ramón Falcón, e afeccionado á caricatura e ao cómic, afronta a súa primeira mostra
Álvaro Bergantiños, co cartel da exposición do Madia Leva. JAMY CORRAL
photo_camera Álvaro Bergantiños, co cartel da exposición do Madia Leva. JAMY CORRAL

Apaixoado polo mundo dos cómics dende neno, unha das súas principais fontes de inspiración, o lucense Álvaro Bergantiños decidiu decantarse polo mundo do deseño gráfico e a ilustración, ramas nas que se formou na Escola de Arte Ramón Falcón.

Agora, anos despois do seu paso necesario polas aulas do centro lucense, e tras tempo traballando "para outros" e tamén "por libre", afronta o que é o seu debut como expositor.

Así, trece dos seus traballos —unha recompilación dalgúns dos que foi facendo ao longo destes anos para algúns concursos de carteis e outros para el mesmo— conforman a mostra que se pode visitar durante todo o mes de febreiro no bar Madia Leva de Baamonde, na localidade chairega de Begonte.

"Xa coñecía o local, e un amigo que é de Baamonde preguntoume se me apetecía expoñer. É a primeira vez que o fago, pero non o dubidei, non quería rexeitar a proposta", explica Álvaro, contento co resultado desta experiencia nova, xa que en apenas uns días —a exposición inaugurouse o pasado día 3— logrou sorprender a algúns clientes que pasaron polo bar e vender xa un par das súas obras.

"Hai traballos orixinais feitos a man e outros en dixital, e destes últimos o segundo día xa tiña vendidas dúas copias. Non sei como seguirá a cousa, pero de momento estou moi contento", di o ilustrador lucense, que dende pequeno daba vida a debuxos tipo cómic —gustábanlle especialmente os de Warner Bros— e  facía todo tipo de caricaturas.

Unha mostra do que poderán atopar aqueles que crucen as portas do Madia Leva, onde hai unha selección dalgunhas das súas obras máis representativas. "Aposto normalmente polo branco e negro, algúns carteis acaban sendo de cor porque o require ou o esixen as bases, pero no día a día non adoito a usar moitas cores. Utilizo moito a tinta china", explica o autor desta exposición, que ten gañado algúns concursos de carteis hai anos, como o que ilustrou un foro universitario de Valencia.

"Ese debuxo tamén está na exposición", di Álvaro, que ata agora escapaba de internet e das redes sociais, pero que xa pensa nun cambio de rumbo. "É unha das cousas que teño pendentes. Ter máis presenza nas redes sociais porque é unha maneira moi boa de promocionar o meu traballo", di un mozo que quere seguir vivindo das súas creacións, mentres saborea o éxito da súa primeira exposición en solitario en terra chairegas.

Comentarios