Descobren novos restos de chanzos en escavación do castro de Viladonga

Están situados na zona da segunda muralla, que formaba parte do sistema defensivo

Unha imaxe de arquivo do Castro de Viladonga. AEP
photo_camera Unha imaxe de arquivo do Castro de Viladonga. AEP

Restos de novos chanzos foron achados nos traballos de escavación arqueolóxica no castro de Viladonga, no municipio lucense de Castro de Rei, informou este domingo a Xunta nun comunicado.

Trátase de chanzos situados na zona da segunda muralla, que formaba parte dun sistema defensivo dese poboado da cultura castrexa, da Idade de Bronce.

Os banzos apareceron "durante os traballos de limpeza e reescavación de antigas sondaxes e cortes efectuados anos atrás en murallas e parapetos", precisa a nota.

Puntualiza que os arqueólogos atoparon "sete banzos en moi bo estado" desa escaleira que é "similar a outras localizadas nese e outros asentamentos", aínda que subliña que "é a primeira que está relacionada cunha porta ou sistema de acceso" á fortaleza.

O novo descubrimento nese xacemento "enriquece a visión de Viladonga como un poboado complexo e sofisticado", segundo a Consellería de Cultura. O descubrimento produciuse durante os traballos de escavación arqueolóxicos que ese espazo duns 900 metros cadrados, financiados con fondos Feder da Unión Europea.

Xunto co achado deses chanzos, os arqueólogos lograron tamén exhumar un gran torreón macizo de planta redondeada de máis de cinco metros de diámetro, achado inicialmente en 1998, que orixinalmente formaba parte das estruturas que reforzaban as murallas do poboado, así como unha parte dun dos fosos do sistema defensivo.

Comentarios