A Deputación saca a concurso a venda do leite cru da granxa Gayoso Castro

O adxudicatario, que recollerá uns 350.000 litros ao ano, deberá de facer unha doazón do 5%
Granxa Gayoso Castro. EP
photo_camera Granxa Gayoso Castro. EP

A Deputación de Lugo aprobou este xoves na xunta de goberno un contrato importante para o funcionamento da Granxa Gayoso Castro que a entidade provincial ten en Castro de Ribeiras de Lea.

Así, deuse luz verde a un procedemento de concorrencia pública para a adxudicación, mediante concurso, da recollida e venda do leite cru producido en Gayoso Castro de acordo coa normativa do paquete lácteo. O adxudicatario deberá, entre outras cousas, comprometerse a facer unha doazón do 5% ou máis da cantidade de leite producido aos Bancos de Alimentos ou a favor de Comedores Sociais da provincia de Lugo para a súa distribución entre as persoas e familias que o necesiten.

O contrato incluirá a recollida de algo máis de 350.000 litros ao ano, prorrogable por outro máis ata un máximo de cinco. "O comprador deberá de recoller o leite nas instalacións da granxa de Castro de Ribeiras de Lea en días alternos e o pago realizarase mensualmente", sinalou a voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, quen apuntou que para a adxudicación teranse en conta diferentes cuestións, como por exemplo o prezo.

Por outro lado, o goberno provincial lucense acordou a adxudicación da subministración do material de cama para o gando da granxa á empresa Galical Cales e Carbonos Agrícolas SL.

O prezo será unitario de 53,7 euros por tonelada, e un tope orzamentario de 21.450 euros. O contrato será nun comezo dun ano, prorrogable por anualidades ata un máximo de tres.

A Deputación impulsa dende o ano 2007 a Granxa Gayoso Castro, onde desenvolve actividades de apoio á recría de becerras de raza rubia galega en colaboración coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Gallega (Acruga) e conta cun centro de recría de gando vacún de leite, primeiro de iniciativa pública creado en España. Estas últimas instalacións poden acoller ata 2.500 xatas, duplicando a capacidade de recría que existe en Galicia. Nestes momentos atópase case ao 90% da súa capacidade, con máis de 2.200 animais.

Comentarios