A Deputación destina 70.000 euros ao mantemento da piscina da Pastoriza

As instalacións acollen actividades acuáticas, deportivas e cursos dirixidos a todas as idades
Maite Ferreiro visitou as instalacións xunto a Elva Carreira e os edís Xosé Antonio Veiga e Rocío Lopez. EP
photo_camera Maite Ferreiro visitou as instalacións xunto a Elva Carreira e os edís Xosé Antonio Veiga e Rocío Lopez. EP

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou onte a piscina climatizada da Pastoriza xunto á tenente de alcalde, Elva Carreira, e outras autoridades, para dar conta do compromiso que mantén o ente
provincial con estas instalacións a través dunha achega de 70.000 euros, destinados aos gastos de mantemento.

Actualmente, a piscina pastoricense dá servizo a numerosos usuarios e usuarias non só do propio concello, senón tamén dos limítrofes. Ademais, a ela acoden grupos de alumnos dos centros educativos de Abadín, Baleira, Castro de Rei, Cospeito, Meira, Pol ou Vilalba, así como da Pastoriza.

Este espazo, que conta tamén con ximnasio, acolle múltiples propostas que van desde as actividades acuáticas e deportivas, como as sesións de cardiobox, powerpump, zumba ou pilates, ata os cursos de natación para todas s idades.

Durante a visita, Elva Carreira agradeceu "a colaboración económica" da Vicepresidencia para un lugar concibido "non só como centro deportivo, senón tamén onde coidar da saúde e socializar". Ferreiro remarcou a repercusión deste servizo na comarca e demandou colaboración da Xunta para que no rural se dispoña dos mesmos servizos que nas cidades.

A área de Vicepresidencia asume máis da metade dos gastos de funcionamento das instalacións, que se completan  coa aportación do Concello e as cotas dos usuarios.

Comentarios