"Denunciei os malos tratos para previr que non fixera dano noutras granxas"

A Garda Civil investiga a un operario por lesionar varias vacas cun desaparafusador. O dono da granxa pastoricense, Raúl Rodríguez, cre que pretendía "forzar ou seu despedimento"
Raúl Rodríguez, en su explotación. C.PÉREZ
photo_camera Raúl Rodríguez, na súa explotación. C.PÉREZ

"Non se lle pode facer isto a uns animais e denunciei os malos tratos para previr que non fixera o mesmo noutras granxas", explica o responsable da Gandería Proida S.L., Raúl Rodríguez, logo de pór en coñecemento da Garda Civil que un dos seus traballadores provocaba lesións a algunhas das súas vacas cun desaparafusador.

O xerente da granxa denunciou ao operario, de orixe marroquí e veciño do concello de Meira, hai uns días, aínda que os feitos remóntanse uns meses atrás.

"Eu estiven de baixa un tempo, tiven un infarto e non podía ir moito pola granxa e falando coa veterinaria un día comentoume que as vacas estaban moi nerviosas, demasiado", explica.

Era o mes agosto e decidiu revisar a cámaras para saber que estaba a ocorrer no interior das instalacións, situadas na parroquia pastoricense de Álvare, e foi entón cando descubriu que un dos operarios -tiña dous contratados pero facían quendas, polo que non adoitaban coincidir- cravaba un desaparafusador ás vacas, en ocasións de forma reiterada, cando as ordeñaba.

Raúl Rodríguez mostra o seu sistema de cámaras. C.PÉREZ

"Chegamos a ver algunhas feridas diante do ubre, pero non sabiamos o que eran. Nun primeiro momento pensas nun golpe, aínda que é raro nesa zona e facendo memoria para atrás morréronme dúas vacas sen saber por que non mes de xullo, e xa dubidas se puido ter algo que ver", di.

A pesar de todo, e debido ao seu mal estado de saúde, permitiu que o operario regresase ao traballo -no momento no que descubriu os feitos estaba de vacacións- o 15 de setembro e continuou alí ata principios de outubro, cando colleu unha baixa tras "facerse dano nun dedo", segundo explica o responsable. O operario, a pesar de que este xornal se puxo en contacto con el, decidiu non falar.

"Eu estaba moi enfermo e tampouco podía poñerme a ensinarlle a outro, así que volveu pero aviseino, tamén por escrito como me recomendaron. Cando se foi de baixa denuncioume porque dicía que non o deixaba ir ao médico, menos mal que eu tiña todo ben", di o pastoricense, que explica que o operario volveu unha vez máis á granxa tras recibir o alta, pero estivo só uns días e volveu coller a baixa.

Unha das feridas. EP

"Presentei un despedimento disciplinario. Eu vendo as gravacións creo que o estaba a provocar o despedimento porque sabía que había cámaras e que estaba sendo gravado. Sempre foi un pouco bruto coas vacas pero isto non o entendo", di este pastoricense, responsable dunha explotación de 190 vacas, mentres indica que o operario leva oito anos na granxa.

Desde a Garda Civil confirman que está aberta unha investigación, que inclúe as declaracións, o informe veterinario que recoñece lesións por un efecto punzante e as propias imaxes das cámaras.

Comentarios