Denuncian que González Formoso avale un "pseudocampeonato" de caza

Acusan o alcalde de As Pontes dun "un uso electoralista das administracións locais"

Valentín González Formoso. CRISTINA ARIAS
photo_camera Valentín González Formoso. CRISTINA ARIAS

A asociación animalista Libera e a fundación Franz Weber criticaron este luns que o presidente da Deputación da Coruña e alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso, avale un "pseudocampeonato de caza" nese municipio.

Nun comunicado, as dúas entidades de defensa dos animais sinalan que González Formoso reuniuse cos promotores da iniciativa para cazar perdices en terreos das Pontes limítrofes co do municipio da Capela, que dispón de soporte "doutras administracións públicas".

Denuncian que se trata dun "uso electoralista das administracións locais", xa que González Fomoso acolleu aos promotores "no seu despacho da Deputación e na súa dobre calidade de presidente e rexedor pontés", polo que "queda clara a intencionalidade".

As citadas entidades engaden que tanto A Capela como As Pontes están gobernadas polos socialistas e lamentan "a dobre vara de medir do PSOE provincial" no ámbito da protección dos animais.

Segundo Libera e Franz Weber, o PSOE "apoia mocións contra prácticas de malos tratos animais moi similares, como o xa prohibido tiro ao pichón" á vez que "emprega as institucións a favor de determinados grupos de presión co obxectivo de garantirse o seu exiguo apoio electoral na próxima convocatoria do 26 de maio de 2019". 

Advirten de que "os campionatos cinexéticos son unha estratexia habitual do lobby procaza para blanquear a súa afección" e alertan da pretensión de disfrazala "de actividade deportiva", cando en realidade parte desas perdices foron liberadas con axudas de subvencións públicas.

Comentarios