Denuncian danos nunha mámoa de Pena Grande por unha plantación de eucaliptos

"Unha vez máis e como vén sendo habitual, a industria do eucalipto actúa de forma totalmente irresponsable", asegura Manuel Miranda, de Mariña Patrimonio

Abrigo de Pena Grande, en Santaballa. CRISTINA PÉREZ
photo_camera Abrigo de Pena Grande, en Santaballa. CRISTINA PÉREZ

A organización ecoloxista Adega e o colectivo Mariña Patrimonio presentaron denuncia ante o Seprona polos posibles danos ocasionados por unha plantación de eucaliptos “ilegal e sen ningún tipo de control” nunha das dez mámoas documentadas no xacemento paleolítico de Pena Grande -no municipio lucense de Vilalba-, un dos máis importantes de Galicia.

Segundo explicou a Efe Manuel Miranda, membro de Mariña Patrimonio, "unha vez máis e como vén sendo habitual, a industria do eucalipto actúa de forma totalmente irresponsable e demostra que non lle importa nada estragar un ben patrimonial", cunha plantación que consideran "ilegal" e sobre a que non se exerce "ningún tipo de control".

De feito, Manuel Miranda subliñou que "este ben foi danado como consecuencia dos profundos surcos realizados sobre a masa do túmulo no transcurso dos traballos forestais", porque a Xunta de Galicia non está a facer "todo o que debería facer para protexer ese patrimonio".

"Todo parece indicar que esta plantación afectou tamén á cámara da mámoa ao remover parte da súa estrutura", precisou. Miranda recordou que "a mámoa 9 forma parte dun xacemento arqueolóxico de gran valor, formado por dez túmulos e dous abrigos paleolíticos".

En novembro de 2017, Pena Grande foi noticia cando o Ministerio de Hacienda pretendía poxar por 7.700 euros os terreos nos que se atopa o xacemento arqueolóxico, aínda que finalmente a parcela foi cedida ao Concello de Vilalba.

Comentarios