Denuncian actividade mineira "ilegal" na parroquia de Goá, en Cospeito

A compañía Erimsa estaría a ofrecer contratos de arrendamento a veciños da zona
Lagunar de O Castro, Begonte, donde se encontraba la antigua planta de Erimsa. AEP
photo_camera Lagunar de O Castro, Begonte, donde se encontraba la antigua planta de Erimsa. AEP

A comisión contra as minas da Terra Chá denuncia actividade mineira "ilegal" na parroquia de Goá, en Cospeito, "desde hai uns días".

Este colectivo asegura que lle informaron de que Erimsa está a ofrecer contratos de arrendamento a veciños da zona do Arneiro, na mesma parroquia. 

Esta empresa, engade, "intenta desde 2006 conseguir autorización para explotacións mineiras na zona", solicitudes que acumulan xa, segundo o colectivo, "varias sentenzas desestimatorias dos permisos". 

Pola súa banda, a Plataforma veciñal Mina Touro O Pino No pregúntase se pretende a empresa Cobre San Rafael chegar ao xulgado co seu proxecto. 

Logo dunha declaración de impacto ambiental e unha resolución negativa, sinala, "a mina de Touro intenta coar o seu proxecto inviable pola vía do recurso". 

Critica neste sentido que trata de enmascarar "a súa incompetencia con refritos de informes e accións da mal denominada responsabilidade social corporativa" e "apostando polo litixio coa veciñanza".

EÓLICA E LUZ. Por outra banda, a Alianza Libre Europea, integrada por 47 partidos políticos europeos entre os que se atopa o BNG, apoiou por unanimidade as mocións presentadas polo Bloque que denuncian o "espolio" que os parques eólicos supoñen para Galicia, e "o abusivo prezo da luz para os galegos". 

Ana Miranda e Rubén Cela representan ao Bloque nesta asemblea xeral, correspondente ao 40 aniversario da Alianza Libre Europea e que se celebra en Bruxelas.