Dende Muras para o mundo

Veciños de máis de 150 casas gravaron un vídeo que se volveu viral. É a felicitación oficial do Aninovo do Concello de Muras

photo_camera O vídeo coral dos veciños de Muras converteuse nun fenómeno viral

"É moi emotivo, emocionante de caer as bágoas... é unha explosión de sentimentos, acentúa a morriña e fai que bote máis de menos Muras". É o que sente Pablo Pernas cada vez que ve, e van "oito ou dez veces xa", dende os máis de 300 quilómetros que o separan de Muras, o vídeo de felicitación de Aninovo dos veciños do seu concello natal. 

"Chegáronme cometarios por whatsapp, vino e encantoume, pareceume unha pasada", di un emigrante murés que leva anos en terras cántabras e que volveu ás súas raíces dun xeito virtual, a través dos catro minutos e medio dunha peza audiovisual impulsada polo Concello de Muras, que quería facer unha felicitación especial, neste ano tan particular, implicando aos veciños, polo que falou con Xaora Fotógrafos, firma coa que colabora dende hai varios anos. O resultado xa é un auténtico fenómeno viral nas redes sociais, precisamente polo que transmite, autenticidade de principio a fin. 

En só 48 horas, dende o seu lanzamento no serán do día 31, unha das felicitacións máis enxebres e emotivas que se recordan supera, só nas redes municipais, as 40.000 visualizacións en Youtube, e subindo; e as 3.600 reaccións en Facebook, onde xa se compartiu máis de 6.500 veces e suma centos de comentarios. 

"Estamos sorprendidos polo impacto, creo que é a súa espontaneidade o que fai que teña tan boa aceptación e alegrámonos de que se coñeza o concello por algo positivo", di o alcalde, Manuel Requeijo, que sae no vídeo, coma boa parte da corporación —se non os coñeces, non saberás quen son—. Están de todos os partidos, coma uns veciños máis desas 150 casas cuxos moradores dixeron que si cando o equipo de Xaora, Maider —muresa de berce, tamén sae con súa nai— e Xabier, foron petar á súa porta. De sorpresa. 

Concello e Xaora falaron a comezos de decembro, sen concretar que facer, pero a idea de involucrar aos veciños quedou aí, polo que Maider escribiu o guión e presentoullo ao alcalde o día 26. Co visto bo municipal, liberdade total para darlle forma á peza e sen tempo que perder, comezaron unhas xornadas nas que percorreron, ata a noite do 30, os 163 quilómetros cadrados do concello, sen deixar unha casa sen ir. A inmensa maioría dixo que si e moitos dos que non saen, foi porque non estaban cando pasaron pola súa aldea. Unha magnífica resposta veciñal dun concello que Maider define coma "unha familia grande". 

E os protagonistas, que din? Están "encantados" co vídeo. "É precioso", valora Sita, do bar Santi, que nin se acordaba del ata que a chamaron os fillos na Noitevella, gabando o ben que quedara. Tamén Natalia quixo chamar á súa avoa María Antonia para felicitala por saír, mais antes, tocou bromear. Fíxose pasar por alguén da televisión e díxolle que pensaran nela para dar as badaladas de 2022 no Luar. "Asusteina, pero despois rímonos moito, a verdade é que o vídeo, que debín de ver 50 veces, é unha felicitación perfecta", di. 

Tamén están sorprendidos e agradecidos pola acollida. Generoso recibiu moitos comentarios adaptados á súa participación, mentres Javier, de Picapán Casa Vituco, que comparte plano con súa nai Nélida e recibiu felicitacións ata do País Vasco, apunta que participou por colaborar pero que "se soubese que quedaba así, iría eu ofrecerme". "A xente emociónase ao velo", din David e Mónica, tras unha "boa experiencia" na "orixinal" felicitación. 

"Eu son unha fanática do meu pobo, adóroo, porque é moi rico en valores, e non atopo palabras para definir o vídeo, creo que é unha iniciativa humilde e humana, que representa moi ben a nosa forma de ser, a dun pobo que engancha pola súa maneira de vivir e de ser", valora Carla sobre unha peza que, como nela se di, vai dirixida a amigos, veciños, familia, dende un privilexiado lugar que é paraíso natural, con carreiros para pasear, onde todos se coñecían xa de antes sen necesidade de deixar unha nota, onde calquera está para axudar e onde xa dominaban a arte de falar de lonxe e as moitas formas de saúdar sen necesidade de tocarse. E agora veñen de sumar unha máis. Dende Muras, feliz 2021!

Comentarios