O fenómeno okupa chega á decadente estación de autobuses de Vilalba

Os viaxeiros hai anos que non usan o edificio principal, un inmoble en pésimas condicións, sucio e descoidado, que se converteu en refuxio de transeúntes e senteito polas noites

photo_camera Unha habitación nunha sala abandonada da estación de autobuses de Vilalba. C.ARIAS

En Vilalba nunca hai viaxeiros no edificio principal da estación de autobuses. É un deserto, sempre. As oficinas están pechadas, igual que o bar, que botou o peche hai anos. Non hai ninguén a quen preguntar un horario e un papel carcomido polo paso do tempo e grapado a unha persiana azul pechada anuncia desde detrás do cristal: os billetes despáchanse no autocar. O resto é silencio.

                               Hai anos que os pasaxeiros non entran, aínda que as portas sempre están abertas. Soben e baixan dos autobuses que chegan a diario, aínda que cada vez menos, como se queixan algúns, accedendo pola mesma porta que os vehículos, directamente á dársena, na que se acumula o lixo. Pola noite, cando está pechada, os autobuses recollen os pasaxeiros na rúa Lois Pena Novo, á beira do bar Katay, que vende billetes.

O edificio da terminal é un lugar en decadencia, sucio e descoidado. Un territorio sen lei que se converteu nos últimos tempos en refuxio de transeúntes e senteito polas noites.

Hai electricidade, algunhas das lámpadas que resisten aínda se acenden ao notar o paso cerca, pero o inmoble está en pésimas condicións. Das paredes colgan carteis que publicitan negocios doutra época e os baños hai moito tempo que non se limpan, o cheiro confirma á vista. Noutro local sorprende unha inesperada habitación habilitada no interior: dous colchóns, unha mesa con dúas cadeiras, unha alfombra e un pequeno televisor confirman vida.

As instalacións, que son titularidade da Xunta, inauguráronse no San Ramón do ano 1991. Arriva ten a concesión

Os veciños e os viaxeiros critican a desidia das administracións e esixen que se tomen medidas. "É o primeiro que ve alguén que chega a Vilalba en autobús e a imaxe é deplorable", di unha muller mentres espera o autobús e fai fotos co seu móbil. "Íallas a mandar aos meus amigos, que vexan como está", engade.

                               A estación de autobuses de Vilalba, que foi inaugurada no San Ramón de 1991 polo propio Manuel Fraga, é titularidade da Xunta, e a empresa Arriva ten a concesión para a súa xestión.

Desde a Administración autonómica recoñecen "ter constancia" do estado da estación e aseguran que houbo conversas co anterior alcalde. "Estaban a mirar alternativas", din, mentres recordan algunhas pequenas actuacións de pintura, limpeza da fachada, accesibilidade, reforma dos aseos e colocación de paneis de sinalización en 2013 e 2015, as últimas.

"Nunca tivo moito movemento", recorda un pequeno empresario que tivo alugada unha oficina hai máis de dez anos. "Xa non se daban billetes dentro e por alí non pasaba ninguén", recorda. O bar aínda estaba aberto e un autónomo tiña unha empresa de lousas, aínda que tampouco ía moito.

"Leva moito tempo así", din os veciños, que aseguran que xa houbo varios transeúntes durmindo dentro das instalacións, e as opinións divídense entre os que critican que se permita e os que o normalizan. "Onde van durmir? Mellor aí que non se mollan", di unha muller maior, mentres moitas voces repiten os mesmos adxectivos. A estación é "un desastre", "lamentable", "unha esterqueira" ou "unha vergoña". "Había que investir e amañala e se non pechala, pero hai que facer algo", conclúe outro.

Comentarios