Cultura e deporte da man en Vilalba

Máis de 800 escolares participan este venres 20 na Carreira das Letras Galegas, unha cita con case catro décadas de historia
Alumnos do Ceip Mato Vizoso adestrando para a convocatoria deste ano. M.ROCA
photo_camera Alumnos do Ceip Mato Vizoso adestrando para a convocatoria deste ano. M.ROCA

O Día das Letras Galegas é unha data sinalada cada ano no calendario escolar, xa que todos os centros celebran actos conmemorativos e actividades en torno á figura á que se lle dedican. Pero no caso de Vilalba hai xa preto de catro décadas que ás dimensións cultural e literaria se lles une unha máis: a deportiva. 

Son moitas as xeracións de vilalbeses e vilalbesas as que poden dicir que teñen recordos de correr no tradicional Cross das Letras Galegas cando eran nenos ou incluso uns mozos. Un día especial que se vivía como unha festa, porque era unha xornada distinta e de encontro con alumnos doutros centros, e que este ano está fixada para este venres 20 no estadio municipal da Magdalena.

Ao longo de tantos anos, esta convocatoria foi sufrindo variacións, tanto a nivel de localización como de participación, pero mantense inalterable en cada mes de maio, incluso en tempos de pandemia, nos que se realizaron dúas convocatorias para participar nesta carreira de forma virtual.

As orixes do que hoxe se coñece como Carreira das Letras Galegas de Vilalba remóntanse a 1985, cando se celebrou o I Cross Popular de Vilalba - Semana das Letras Galegas, organizado pola concellería de deportes, encabezada entón por José Antonio Pita Paz. Pero os cimentos estaban, dalgunha maneira, xa de antes.

"A idea imaxino que provía do que se chamaba Cross de San Fernando —cuxa onomástica é o 30 de maio—, que organizaba Esteban Rosa Romero, que foi profesor de ximnasia no instituto Basanta Silva moitos anos e tamén presidente da Oje (Organización Juvenil Española) de Vilalba, o cal estivo no que hoxe é o centro sociocomunitario ata principios dos 80. A raíz de aí, a Oje desaparece e non se fan máis cross", rememora Pita, ao tempo que recorda como el mesmo participaba nesa carreira de San Fernando, que discorría "pola zona do estadio Roca e o que é hoxe o pavillón e onde estaba o cemiterio vello, entre as hortas".

En 1985 é cando se celebra o primeiro Cross Popular de Vilalba, que curiosamente "non era popular, senón que era só para alumnos". Na primeira edición participaron a nada despreciable cifra de 658 persoas, dos IES Basanta Silva e Lois Peña Novo, dos colexios Manuel Mato Vizoso e Antonio Insua Bermúdez e de Educación Permanente de Adultos (EPA).

As categorías eran prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior e sénior e as distancias a completar oscilaron entre os 500 metros dos primeiros ata os sete quilómetros dos últimos.

Os percorridos deseñáronse todos na contorna da Praza da Constitución, usando tamén vías cercanas como a Rúa dos Pepes ou Novo Cazón e Basanta Silva. Incluso había algún trazado que pasaba polo aparcadoiro subterráneo.

Entrega de trofeos no Cross das Letras Galegas de 1999, na Magdalena. AEP
Entrega de trofeos no Cross das Letras Galegas de 1999, na Magdalena. AEP

Esa primeira convocatoria resultou ser un éxito e conseguiu manterse no tempo ata hoxe. Desde entón pasaron moitos anos e esta cita tivo tamén distintas etapas, empezando pola unión pouco despois dos novos colexios de Román, Monseivane e Belesar e seguindo por un cambio de localización ao daquela novo estadio municipal da Magdalena —inaugurouse no verán de 1991— e a súa contorna, o cal se mantivo durante case dúas décadas.

DOBRE REGRESO. Tras unha incursión de nove anos outra vez no casco urbano de Vilalba (dos que en sete edicións foi unha proba de ámbito popular), a Carreira das Letras Galegas regresa neste 2022 ao campo de fútbol, con percorridos que se realizarán integramente no interior desta instalación.

Despois de dous anos sen celebrarse de forma física pola pandemia, a convocatoria volve por todo o alto, cunha previsión de que participen máis de 820 escolares de cinco centros educativos de educación infantil e primaria.

Todos eles practicamente fan pleno en canto a inscricións respecto ao seu alumnado, sendo o Ceip Insua Bermúdez o que máis corredores aportará, con case 320. Ségueo de preto o Mato Vizoso, con aproximadamente outros tantos participantes, mentres que a Escola de Educación Infantil (EEI) acudirá con 78, o Ceip Terra Chá de Román irá con 71 e o Ceip Monseivane, con 45.

Nesta ocasión, establecéronse sete categorías en función das idades: pitufo, para nados nos anos 2017 e 2018 e cunha distancia de 60 metros; chupete, para corredores do 2016 que deberán correr 80 metros; prebenxamín, dos anos 2014 e 2015 e cun percorrido de 200 metros; benxamíns, con 500 metros para os nados en 2012 e 2013; e alevín, con 700 metros para corredores de 2010 e 2011. Tamén se fixaron os apartados infantil (2008 e 2009) e cadete (2006 e 2007), pero non hai inscritos.

O Concello facilitará uns autobuses para o traslado dos escolares ata A Magdalena. As carreiras darán comezo ás 10.30 horas e as saídas serán mixtas e simultáneas, posto que a convocatoria ten un marcado carácter participativo. Así, todos os inscritos recibirán unha medalla, ademais dunha peza de froita e unha auga.

Así, o estadio vilalbés volverá ser o epicentro dunha xornada na que letras e deporte se unen para seguir creando recordos agarimosos nos escolares do concello.

Un concerto en agradecemento
Esta tradicional xornada deportiva polas Letras Galegas non se quedará este ano só nas carreiras, senón que terá un fin de festa por todo o alto cunha actuación musical que fará as delicias de todos os participantes nesta cita.
Uxía Lambona ofrecerá, xunto a súa Banda Molona, un concerto para agradecer aos escolares a súa participación na elaboración dos adornos de Nadal que se colocaron nas árbores da Praza da Constitución.