sábado. 28.11.2020 |
El tiempo
sábado. 28.11.2020
El tiempo

Cruz Vermella recupera un vehículo coa colaboración do IES Lois Pena Novo

Varios alumnos, traballando no vehículo. EP
Varios alumnos, traballando no vehículo. EP
Os alumnos dunha formación para desempregados ultiman a posta a piques da mecánica e carrocería dun Nissan Patrol do 91

Os alumnos dunha acción formativa para desempregados sobre automoción, que se está desenvolvendo desde o curso pasado no IES Lois Pena Novo de Vilalba, son os encargados de recuperar e facer a posta a piques dun vehículo que usarán os membros de Cruz Vermella da capital chairega para labores de urxencia e apoio.

Este curso, que se promove en colaboración coas consellerías de Educación e Emprego, céntrase en operacións auxiliares de mantemento de carrocerías de vehículos e atópase no tramo final, xa que terminará o 10 de outubro, tras 328 horas de formación.

Entre tanto, xurdiu a oportunidade de colaborar con Cruz Vermella de Vilalba, cuxo coordinador de socorros e urxencias, Carlos Cea, comentoulles que tiñan un Nissan Patrol do 91 que se usaba en ocasións esporádicas e que querían preparalo para darlle máis uso. "Está en moi bo estado de mecánica, pero necesitaba un lavado de face, sobre todo de chapa e pintura. Así que lles propuxemos que no canto de que os alumnos fixesen prácticas nos mesmos coches de sempre, por que non nun que vai estar na rúa e que vai ter un labor de urxencia, e a eles pareceulles ben", explica.

"Pídensenos algún tipo de colaboración e podemos axudar, por que non?", sinala Carmen Areán, directora do IES Lois Pena Novo, á vez que ambas as partes destacan a ilusión que senten con este proxecto, que xa empezou no curso pasado pero que a pandemia do covid-19 atrasou ata este mes, cando se retomaron as clases que faltaban.

Os alumnos ocupáronse de revisar a mecánica do vehículo e de restaurar a carrocería con traballos de soldadura. Agora estase preparando a chapa para pintalo e rotularlo co distintivo de Cruz Vermella.

"Tratase dun alumnado moi diferente, que está desconectado da ensinanza e que ás veces, con lestes cursos, para eles é unha maneira de enganchar de novo cos estudos"

"É un coche moi polivalente, que vai prestar un labor moi importante, porque complementa o que xa tiñamos. é un bo vehículo para rescates, fiable e duro e moi amplo dentro. Incluso agora co Xacobeo pódeselle dar moito uso facendo roldas ou intervencións no Camiño", asegura Carlos Cea, que recorda que desde Cruz Vermella Vilalba están "dispostos a axudar en todo o que se necesite" e anima a outras institucións a colaborar con centros educativos para que os alumnos poidan facer prácticas con proxectos reais.

A directora deste instituto vilalbés destaca a importancia que ten para eles este tipo de formacións para persoas desempregadas. "Trátase dun alumnado moi diferente, que está desconectado da ensinanza e que ás veces, con lestes cursos, para eles é unha maneira de enganchar de novo cos estudos. De feito, tivemos xente, algunha en risco de exclusión social, que despois se decidiu a facer Esa (Educación Sencundaria de Adultos) ou un ciclo", recoñece Carmen Areán.

Destaca ademais que son "un centro de referencia na comarca" coa implantación deste tipo de formacións -levan xa varios anos, anteriormente con dous cursos, un en automoción e outro en informática-, que ven como "unha maneira de conectar con outro tipo de ensino e alumnos con outras idades e madurez".

Cruz Vermella recupera un vehículo coa colaboración do IES Lois...
comentarios