Cruz Vermella abre en Castro o primeiro centro de trastorno dual de Lugo

A Consellería de Política Social apoia con 230.000 euros anuais dez prazas deste novo servizo
Visita de Fabiola García a las instalaciones de Castro.
photo_camera Visita de Fabiola García a las instalaciones de Castro.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou este mércores a nova unidade de atención a persoas con trastorno dual -discapacidade intelectual e enfermidade mental- que acaba de pór en marcha Cruz Vermella en Castro de Ribeiras de Lea, un novo servizo pioneiro na provincia que se estrea con dez prazas.

A Xunta contribúe ao funcionamento deste novo complexo asistencial cunha achega de 230.000 euros ao ano, segundo destacou García, que precisou que con estas dez prazas concertadas máis Galicia suma un total de 110 de atención dual.

Aínda así, a demanda asistencial é elevada e xa hai lista de espera, tal e como precisou o presidente de Cruz Vermella, Luís Abelleira, que solicitou o apoio da Xunta para sufragar o custo doutras seis prazas dun servizo "moi necesario", e completar así as 16 de capacidade das instalacións, nas que se investiron 1,8 millóns.

FUDACE. Abelleira tamén aproveitou a visita de Fabiola García para pedir a colaboración de Política Social no novo proxecto da Fundación Dano Cerebral (Fudace), que prevé ampliar o centro que ten en Castro en doce prazas máis, de maneira que a súa residencia pase das 16 camas actuais a ofrecer 28 a finais do ano 2022.

O presidente de Fudace explicou que o proxecto, obra da arquitecta Gloria Trigo, quen tamén deseñou o centro de dual, xa está redactado e presentado no Concello de Castro de Rei para obter a licenza de obra.

O investimento previsto para materializar a ampliación das actuais instalacións noutros 242,08 metros cadrados de nova construción, e dotalas do mobiliario e o material necesario, ascende a 550.000 euros.

Abelleira, que agradeceu a receptividade da conselleira ás súas peticións, defendeu a necesidade de incrementar a capacidade do centro, dada a alta demanda existente de prazas de residencia para usuarios con dano cerebral. Na actualidade, Fudace e Cruz Vermella dispoñen en Castro duns 4.000 metros cadrados de instalacións, nas que uns 60 traballadores atenden a máis de 80 usuarios.

Comentarios