Cospeito recicla o Entroido galego

Os usuarios do centro de día municipal elaboraron unha exposición coas máscaras máis representativas da comunidade, fabricadas con material de refugallo e moita imaxinación
Os usuarios cos traxes dos volantes de Chantada, o xenerais do Ulla, o Oso de Salcedo e outras máscaras. M.ROCA
photo_camera Os usuarios cos traxes dos volantes de Chantada, o xenerais do Ulla, o Oso de Salcedo e outras máscaras. M.ROCA

Os coñecidos como faroleiros de Loentia, en Castro de Rei, eran os encargados de poñer orde pola rúa nas épocas de Entroido. Cun pau grande e un saco de fariña, ían recollendo os chourizos que lles daban os veciños. Unha tradición, como tantas outras, que se foi perdendo no tempo, pero non na memoria de dous usuarios do centro de día municipal de Cospeito, pertencente á rede de centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O seu recordo foi o punto de partida para unha exposición diferente, sorprendente e, sobre todo, única.

‘Entroido en Galicia’ fai un repaso polas máscaras e traxes máis representativos desta festa, pero dun xeito especial. As mans dos usuarios foron as que deron vida a todo tipo de materiais e obxectos cotiáns para convertelos en disfraces, elaborados de forma artesanal coa reciclaxe coma base.

Peliqueiros de Laza, cigarróns de Verín, boteiros de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, felos de Maceda, pantallas de Xinzo de Limia, madamas e galáns de Cobres ou os lucenses volantes de Chantada, xenerais do Ulla e o Oso de Salcedo, entre outros, ata chegar case á vintena, conforman unha colorida mostra que se pode visitar no Museo das Aves ata o 20 de marzo, en horario de mañá e tarde os venres, sábados e domingos.

En primeiro plano, complementos dos Faroleiros de Loentia. M.ROCACon cada máscara, hai un panel explicativo coa súa descrición e como foi a elaboración por parte dos maiores do centro de día cospeités. Destaca, ademais da tradición dos faroleiros de Loentia, unha máscara de peliqueiro cos elementos máis representativos do concello de Cospeito coa que o centro gañou o primeiro premio en 2019 nun concurso de máscaras organizado polo centro de día de Muros (A Coruña).

A mostra levou a louvanza do alcalde, Armando Castosa, que afirmou que no centro de día fan "moitísimas actividades" durante o ano, pero que esta "é algo que foi unha sorpresa, un traballo con moita creatividade e destreza".

"Traballaron moitísimo, desde despois do Nadal ata a semana pasada", explica a directora, Lara López, que destacou o que gozaron os usuarios coa actividade. "Estaban encantados. E hai uns días fixeron un desfile para as familias para amosalas e pasárono pipa, caracterizados tamén coa roupa e metidos no papel totalmente", recorda entre risas.

Comentarios