Cospeito contará cun viveiro de empresas no polígono de Feira do Monte

O orzamento da actuación rolda os 360.000 euros. A Xunta achega o 62% dos fondos e o Concello, o resto
Armando Castosa. EP
photo_camera Armando Castosa. EP

O Concello de Cospeito impulsa a creación dun viveiro de empresas e un edificio multiusos no futuro polígono industrial de Feira do Monte, para o que se aproveitará o solo dotacional dispoñible.

O alcalde, Armando Castosa, destacou a relevancia deste proxecto de cara a favorecer o emprendemento e a creación de emprego no municipio, ademais de servir de apoio para diversos proxectos industriais e tamén para o comercio local.

"Queremos contribuír cun edificio multiusos, con aulas para a formación, no que tamén se poidan facer prácticas e no que os emprendedores dispoñan dun local para iniciar a súa actividade empresarial", resumiu o rexedor cospeités, que recordou que este proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, que financiará unha parte do investimento necesario, que ascende a 358.700 euros.

Así o detallou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen explicou que o Concello de Cospeito ten concedida, para axudar a sufragar este proxecto, unha subvención de 240.000 euros —supón o 62% e o resto procederá das arcas municipais—, cantidade que é o máxima posible á que se pode optar na convocatoria da Consellería de Economía, Industria e Innovación para actuacións de construción, reforma o equipamento interior de naves industriais para crear viveiros de empresas, dotada cun orzamento total de 1,5 millóns de euros.

REPARTO E PRAZOS. Javier Arias avanzou tamén que a superficie útil construída será de 877,44 metros cadrados. Estes repartiranse entre unha zona de uso administrativo, que contará cun bloque de oficinas e espazos de reunión, e tres naves de uso industrial a disposición dos emprendedores interesados.

O alcalde agradeceu o apoio autonómico a esta iniciativa municipal, cuxo proxecto xa está ultimado, polo que se prevé licitalo e contratalo este ano, co obxectivo de que as obras estean finalizadas e o novo servizo operativo ao longo de 2023.

Castosa recordou tamén que esta importante actuación continúa o camiño xa iniciado ao apostar por que Cospeito fose un concello emprendedor sumándose á iniciativa Doing Business Galicia, o que implica que as propostas empresariais poidan beneficiarse de bonificacións fiscais, unha simplificación nos trámites administrativos ou recibir facilidades para optar a solo industrial.

Comentarios