Xardíns con moita arte

O cospeités Carlos Paredes compaxina dende hai uns anos o seu labor colocando pedra co deseño de elementos ornamentais únicos

Carlos Paredes, con algúns dos seus traballos. C.PÉREZ
photo_camera Carlos Paredes, con algúns dos seus traballos. C.PÉREZ

O seu sempre foi o traballar a pedra, aínda que dende un punto de vista máis construtivo ca estético. Porén, o éxito que tivo un pozo feito por gusto e sen ningún tipo de aspiración, levou ao cospeités Carlos Paredes a irse mergullando no deseño de distintas pezas ornamentais, ata o punto de que está a piques de montar unha exposición permanente con seus traballos preto de Feira do Monte.

Natural da parroquia de Xermar, Carlos dedicábase, e séguese a dedicar profesionalmente, á colocación de pedra, por exemplo en muros ou en paredes, se ben as súas creacións artísticas neste mesmo material espertan cada vez máis interese e van contando cunha demanda maior.

"É un complemento que fun incorporando para a decoración dos xardíns", explica, ao tempo que precisa que este tipo de ornamentos, son moi comúns na zona de Pontevedra — "indo por alí comecei a afeccionarme á escultura— ou en Asturias, lugar de onde recibe numerosos encargos. En Lugo, "hai pouco aínda", di, se ben o seu traballo xera interese, tal e como comprobou na Feira da Maquinaria Usada de Cospeito, a onde acode dende hai varios anos.

Carlos ten previsto abrir una exposición cos seus traballos artísticos preto de Feira do Monte

Foi precisamente nela onde expuxo aqueles pozo que, case que por causalidade, lle agría un novo camiño. "Gustou moito e vendín varios", rememora, precisando que a súa exposición na feira foi medrando a medida que foi materializando ideas, moitas veces como resposta ás demandas que lle fan os clientes.

"Traballo ao gusto de cada un", asegura Carlos, autor de encargos tan diferentes e exclusivos coma un gran elefeante pétreo que pesaba catro toneladas, unha realmente única, aínda que o mesmo se pode dicir de todas as que saen das súas mans.

O éxito que tivo un pozo elaborado por el, do que recibiu varias encargas, levou a ir incorporando novos deseños

As fontes ou os estanques de pedra son un dos seus deseños estrela. Decoradas con distintas figuras ou con espazos para incorporar plantas e flores, busca facelas aínda máis atractivas asegurándose de que poidan dispor da auga manando sempre que se queira. Pódense conectar directamente a un manancial, se ben o máis habitual é instalarlles un circuito cerrado que manteña a auga sempre en movemento.

As mesas e os bancos de xardín tamén teñen moita aceptación por parte de clientes de Carlos, que deixa feitas xardineiras, esculturas de animais ou incluso recreacións de obxectos que tradicionalmente non son de pedra, coma un antigo lavabo ao que non lle falta detalle, conta cunha xerra e unha palangana pétreas e tamén o pertinente espello.

Comentarios