O coronavirus protagoniza os Poemas Pendurados de Farolas deste ano en Guitiriz

Nova Poesía Guitirica convoca por cuarta vez un certame aberto a calquera que desexe participar e as propostas deberán ser enviadas entre o 1 de novembro e o 15 de decembro

O colectivo Nova Poesía Gutirica, nacido ao amparo da asociación Os Vilares, Lareira de Soños, organiza a cuarta edición dos Poemas Pendurados de Farolas, versos que invadirán as rúas de Guitiriz a partir da segunda semana do ano 2021 para que a cidadanía os poida ler ao aire libre. Nesta ocasión estarán protagonizados pola pandemia de coronavirus, en consonancia coa temática social e actual dos anteriores anos.

A iniciativa que converte o rueiro guitiricense nun poemario a ceo aberto botou a andar no ano 2015 coas primeiras pezas literarias colocadas nas farolas, froito dos integrantes de Nova Poesía Guitirica. Daquela os artistas falaron da violencia machista, dos lumes e das liberdades básicas e en todas as ocasións se tivo presente ao poeta Xosé María Díaz Castro con algunhas das súas letras. Porén, esta cuarta edición contará tamén co poema Coma brasas.

Así mesmo, os membros da organización, que tamén se encargan de convocar o Certame Vilariñas e levaron a cabo un recital poético online por mor do confinamento, agardan unha ampla participación, visto o éxito que colleitou esta iniciativa desde o seu nacemento.

De feito, a última vez que se sacaron os poemas á rúa, en xaneiro de 2019, conseguiron reunir case un cento de composicións de uns 60 artistas chegados non só de Galicia, senón tamén do resto de España, Portugal, Sudamérica, Italia ou Ucrania.

Os poemas poderán ter un estilo libre, a temática estará relacionada coa pandemia do coronavirus e deberán estar redactados en lingua galega ou en portugués

Poemas Pendurados de Farolas está dirixido a todo aquel que estea interesado en participar, de calquera idade ou nacionalidade. Así mesmo, as composicións propostas poderán ter un estilo libre, aínda que a temática deberá ser "comprometida coa realidade e creativa" e estarán redactadas en lingua galega ou en portugués, en calquera das súas normativas.

A extensión máxima dos poemas é dun folio en formato Word e para concorrer ao certame será imprescindible envialos entre o domingo 1 de novembro e o 15 de decembro aos correos [email protected] e [email protected].

Pola súa parte, cada peza será publicada nas redes sociais dos colectivos organizadores e editados conxuntamente nunha publicación dixital que se poderá ver na web www.npggazeta.gal.

Comentarios