"O coronavirus dá medo, pero se nos quitan a clase perdemos días de vida"

As aulas chairegas da Uned Sénior arrancan con todas as precaucións fronte á pandemia
Clases de música na nave do Campo da Feira de Momán. C. ARIAS
photo_camera Clases de música na nave do Campo da Feira de Momán. C. ARIAS

O coronavirus sinalounos como o grupo de maior risco. Os maiores viven esta pandemia que chegou para cambialo todo entre o medo e o aillamento social. Pero algúns reivindican que necesitan os seus espazos e que se os nenos poden ir a clase eles tamén teñen o seu dereito de seguir sendo universitarios na xubilación.

"O coronavirus está aí e dá algo de medo, pero se nos quitan a clase perdemos días de vida", defenden algúns dos alumnos da Uned Sénior Terra Chá-Eume, que acaba de iniciar un estraño curso no que son palpables as consecuencias do covid-19. Nalgúns centros de España suprimiuse directamente o primeiro cuadrimestre á espera de que a situación sanitaria mellore e en Galicia hai aulas que non arrancaron, moitas por falta de alumnos.

"Nótase moito que hai medo e que descenderon as matrículas, pero a pesar de todo as clases séguense dando, con todas as restriccións para garantir a seguridade dos alumnos", indica o coordinador da Uned Sénior Terra Chá-Eume, o párroco Luis Ángel Rodríguez Patiño, un gran defensor de promover a "vellez activa", que insiste na seguridade e recorda que este ano tamén hai a opción de dar as clases de forma virtual e que a matrícula estará aberta ata o 10 de novembro.

Nas aulas da Uned Sénior Terra Chá-Eume o uso de máscara é obrigatorio, igual que o de xel hidroalcohólico ao entrar e hai termómetros para medir a temperatura de todos antes de iniciar cada clase. Para cumprir as distancias cambiáronse tamén as ubicacións das aulas, que se ventilan o máximo posible.

"Hai xente con moito medo que non van nin arrancar. Está relacionado co seu carácter. Os que están vindo son xente botada para adiante"

"Mellor unha boa chaqueta e poder facelas. Senón poñémonos tarumbas", din os alumnos de Momán, que agora dan as clases na nave do Campo da Feira. "Caben outros tantos", din mentres mostran un local no que o frío se mestura entre os ritmos da clase de música. En Guitiriz, tamén se trasladaron á Casa Habanera.

As dúas aulas chairegas suman este cuadrimestre 59 alumnos, fronte aos 92 do ano pasado, e debido á caída houbo que suprimir algunha clase. En Guitiriz só hai música -esperan recuperar inglés, que contaba cunha ducia de alumnos, no segundo cuadrimestre se a situación está mellor- e en Momán xa empezaron música, informática e medicina, ás que pronto se sumará historia.

"Hai xente con moito medo que non van nin arrancar. Está relacionado co seu carácter. Os que están vindo son xente botada para adiante, aos que lles gusta relacionarse e con moito carácter", di o profesor de música, Fran García, que indica que os seus alumnos chegan "con ganas de facer cousas e aprender". E tras o descanso continúan coa música.

Comentarios