Convocada unha concentración de apoio ao pai de Desirée Leal durante o xuízo

Coñecidos do proxenitor estarán unha hora todos os días ante a Audiencia Provincial para "pedir xustiza" polo crime da pequena de Muimenta
José Manuel Leal, padre de Desirée, frente a los juzgados. C.A.
photo_camera José Manuel Leal, padre de Desirée, frente a los juzgados. C.A.

Amigos e coñecidos de José Manuel Leal, pai da pequena Desirée, que morreu o 3 de maio de 2019 aos sete anos a mans presuntamente da súa nai, Ana Sandamil, anunciaron que convocan unha concentración de apoio ante a Audiencia Provincial que se realizará durante todos os días que se celebre o xuízo, que arrinca este luns, polo crime ocorrido en Muimenta.

A previsión é concentrarse todos os días durante unha hora, desde as 9.30 ata as 10.30 horas, diante das instalacións xudiciais "en apoio á familia paterna" e para "pedir xustiza". 

"A idea é que toda a xente que estamos a apoiar ao pai desde que todo ocorreu arroupémolo durante estes días que se celebra o xuízo, da forma máis pacífica posible", indican os promotores. Recordan ademais que os asistentes deberán cumprir toda a normativa relativa ao protocolo polo covid-19.

A celebración do xuízo pola morte da pequena Desirée está prevista desde o luns 7 ata o venres 11 e tamén o vindeiro luns 14. 

Nel intervirán a nai da nena, única acusada e para a que as acusacións particular (pai) e popular (Fundación Amigos de Galicia) e a Fiscalía solicitan a prisión permanente revisable; 22 testemuñas, 21 peritos, 16 axentes da Garda Civil que participaron na investigación e tres facultativos.

Na primeira xornada elixirase o xurado popular que xulgará a Ana Sandamil e declararán a avoa materna da nena —presente na casa o día dos feitos—, un técnico do 061, o pai e un irmán do pai.

Comentarios