Conde reclama a Endesa "compromiso" con As Pontes

Lamenta que a situación en Ferrolterra  "é de enorme dificultade"
Francisco Conde (Monforte de Lemos, 1968). PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Francisco Conde. PEPE FERRÍN (AGN)

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, asegurou que a situación á que se enfronta Ferrolterra no ámbito industrial "é de enorme dificultade".

Por iso, reclama "colaboración" do Goberno central para dotar carga de traballo a Navantia Ferrol, así como o futuro da central térmica de Endesa nas Pontes de García Rodríguez e da planta de Siemens Gamesa nas Somozas, empresas ás que demanda "compromiso" co seu territorio.

Estas manifestacións realizounas Conde en Ferrol, tras manter unha reunión de traballo na sede da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (Cofer), tanto co seu presidente, Cristóbal Dobarro, como cos vicepresidentes desta entidade empresarial.

"Claramente, a principal preocupación que ten Ferrol nestes momentos é carga de traballo para Navantia, sobre todo para as empresas auxiliares, para poder chegar ao ano 2022, no inicio da construción das fragatas F-110, cun tecido industrial constituído e competitivo", explicou Conde.

Conde demandou á compañía enerxética "compromiso co territorio", pois "parece razoable darlle tempo á utilización de biocombustibles"

Así, pide ao Ministerio de Facenda e ao Ministerio de Defensa unha "solución" coa construción dun buque militar mentres non se inicie o programa para facer as cinco fragatas.

COMPROMISO CO TERRITORIO. En canto á situación da central térmica de Endesa nas Pontes, Conde demandou á compañía enerxética "compromiso co territorio", pois "parece razoable darlle tempo á utilización de biocombustibles".

Remarca que a viabilidade técnica e ambiental dos biocombustibles "quedou demostrada", á espera dun estudo económico.

Sobre a intención de Siemens Gamesa de pechar unha planta de fabricación de pas para aeroxeradores, o conselleiro require que "ofreza unha solución nun contexto de transición enerxética" para que haxa carga de traballo vinculada ao sector eólico. Apela ao Ministerio de Transición Ecolóxica para que "teña unha mirada cara ao noroeste de España" e haxa "unha resposta" para os 215 traballadores que quere despedir a compañía nas Somozas.

"O curto prazo pasa polos conflitos que temos encima da mesa, xa que é o inmediato e o primeiro que temos que solucionar; pero o futuro pasa por aproveitar os fondos europeos e que Ferrolterra consolide o seu sector industrial, onde Xunta e Cofer temos unha axenda de traballo para abordar e poder desenvolver nas diferentes oportunidades", apuntou aos empresarios.

Comentarios