Concienciar a golpe de realidade

Trinta alumnos do IES Castro da Uz das Pontes desprazáronse a Lobios para axudar a recuperar o parque natural do Xurés, devastado polos lumes en 2017. Regresan "impactados" ante as imaxes do monte

Traballos dos alumnos do IES Castro da Uz das Pontes na recuperación do parque naturale do Xurés. EP
photo_camera Traballos dos alumnos do IES Castro da Uz das Pontes na recuperación do parque naturale do Xurés. EP

Non sempre se aprende máis dentro da aula. Ás veces un golpe de realidade é máis efectivo. Unha trintena de alumnos do IES Castro de Uz das Pontes desprazáronse esta fin de semana a Lobios, na Baixa Limia, para traballar como voluntarios na recuperación do parque natural do Xurés, devastado polos lumes que o ano pasado encheron Galicia de cinza e de dor.

"Regresan impactados, moi impresionados. Non é unha actividade doada. É moi duro. Enchíanselles os ollos de bágoas e quedaban sen palabras", explica unha das tres profesoras que os acompañaron nesta viaxe.

"Cando ardeu toda Galicia decidimos nun claustro de profesores que había que axudar e ensinarllo aos nenos de primeira man. Só se falaba de Pontevedra e decidimos ir a Ourense", explican as organizadoras. Involucráronse os departamentos de Informática, Educación Física, Galego e Dinamización Lingüísitca e a Anpa tamén colaborou.

Tras poñerse en contacto coa Xunta e co Concello de Lobios, xa en outubro, conseguiron organizar a viaxe, con tódolos permisos, para esta fin de semana. Cargados de empanadas e bocatas saíron das Pontes rumbo á aldea de Salgueiro, onde se localizaba a parcela do monte que tiñan asignada.


Traballos dos alumnos do IES Castro da Uz das Pontes na recuperación do parque naturale do Xurés. EP"O responsable do parque natural guiounos en todo o proceso", explican as responsables dunha viaxe na que o tempo tampouco os acompañou moito. "Facía moitísimo frío, chuvia", indican. Aínda así, os rapaces esparexeron tres pilóns de palla, para evitar a erosión da terra coa chuvia e que a cinza  ontinúe chegando aos ríos, e plantaron 300 landras autóctonas que recolleron en outubro e coidaron durante estes meses entre area para que agromasen.

"Estiveron horas traballando a reo, pero veñen con moitas preguntas, e moi enfadados. Non entenden por que ninguén fai nada para recuperar o monte", explica unha das profesoras, que adianta que os rapaces farán unha montaxe con vídeos e fotos para dar a coñecer a situación. Tamén queren mandar unha carta á Xunta. A realidade en estado puro fai mover conciencias.

Traballos dos alumnos do IES Castro da Uz das Pontes na recuperación do parque naturale do Xurés. EP

Comentarios