Cinco concellos únense para pór en valor o Camiño Nordés a Santiago

Os gobernos locais de Muras, Ourol, Vilalba, Viveiro e Xermade manterán unha reunión para planificar a petición de recoñecemento á Xunta, apoiando a reivindicación de dúas asociacións
Participantes na segunda ruta polo Camiño Nordés, á que acudiron os alcaldes de Muras, Ourol e Xermade. EP
photo_camera Participantes na segunda ruta polo Camiño Nordés, á que acudiron os alcaldes de Muras, Ourol e Xermade. EP

Os concellos de Muras, Ourol, Vilalba, Viveiro e Xermade farán unha fronte común para tratar de poñer en valor e revitalizar o coñecido como Camiño Nordés a Santiago de Compostela, un tradicional itinerario, coincidente co antigo Camiño Real que une Viveiro e Vilalba, localidade onde se une ao Camiño Norte ata chegar á capital galega.

O punto de partida deste proxecto común nace da aposta da asociación Camiño Real, encabezada polo murés Antonio Pereiras, que estudou esta ruta e editou unha guía sobre a mesma, e á que se uniu pouco despois a entidade Roteiros da Carba.

Ambas organizaron hai unhas semanas unha ruta polo tramo entre Abelleira, en Xermade, e Vilalba, e onte promoveron a segunda etapa, entre A Xestosa (Muras) e Abelleira, na que contaron co apoio dos concellos polos que pasa o Camiño Nordés. Así, os rexedores de Muras, Manuel Requeijo (acompañado polo tenente de alcalde, Mario Rouco); Ourol, José Luis Pajón, e Xermade, Roberto García, tomaron parte na saída dende a Calzada da Veiga Grande, na Gañidoira, onde colocaron unha placa indicativa de por onde transcorre o percorrido.

"Falamos de facer unha reunión de todos os alcaldes dos cinco concellos para poñer en marcha un proxecto para facer este camiño oficial, que o recoñeza a Xunta e despois acondicionalo e sinalizalo", explicou Roberto García, que fixo fincapé en que tratan de "recuperar algo moi antigo, non é un camiño inventado, consta na historia como que era unha ruta de peregrinación".

Neste sentido, Manuel Requeijo explicou que os camiñantes chegaban en barco a Viveiro e dende alí pasaban por Ourol, Muras e Xermade ata chegar a Vilalba, usando o Camiño Real, para continuar despois ata Santiago.

"Parécenos que este tipo de iniciativas teñen un carácter transversal e serven para dinamizar as zonas polas que pasan e para xerar riqueza. É un elemento de dinamización, un revulsivo económico e unha ferramenta para atraer investimentos e proxectos. Hai mil rutas para chegar a Santiago e queremos poñer en valor a nosa", afirmou o rexedor murés.

Por iso, teñen en conta "as aportacións" e seguirán "colaborando" coas dúas asociacións, coa idea de darlle continuidade a este proxecto. Así, proximamente farase a etapa entre Ourol e Muras, nunha xornada na que se levará a cabo outro acto de posta en valor.

Participantes na segunda ruta polo Camiño Nordés. EP

Comentarios