O Concello vilalbés estrea un encontro interxeracional

O evento Irmandade, que se inclúe dentro do programa das patronais, ofrece un xantar e moita música o día 20 no Campo da Feira
Programa de Irmandade. EP
photo_camera Programa de Irmandade. EP

O Concello de Vilalba estreará o vindeiro sábado día 20 Irmandade, un novo evento encadrado dentro da programación das patronais de San Ramón e Santa María, e que pretende servir como punto de encontro para os veciños e veciñas de diferentes xeracións.

"Irmandade nace coa vontade de ofrecer un espazo de encontro e de convivencia", explican dende o goberno municipal vilalbés, precisando que será tamén "unha xuntanza na que todas as persoas poderán reencontrarse con antigas amizades, coñecidos e compañeiras de diferentes etapas vitais e doutras idades, intereses e experiencias".

Esta xornada de intercambios e reencontros desenvolverase no recinto do Campo da Feira e iniciarase ás 13.30 horas -o recinto abrirá as súas portas media hora antes-, coa actuación de Los Rastreadores -dúo formado por Ortiga e Grande Amore-, un espectáculo que dará paso a unha comida onde o polbo e o churrasco serán os protagonistas.

O ágape de irmandade, un dos pratos fortes da xornada, terá un custo de 29 euros e as reservas deberán facerse nas cafeterías Pafe, Estudiante, O Porrás e Centro de Vilalba. Haberá tamén un menú infantil para menores de doce anos.

Estes deberán entregar cuberta polo seu pai, nai ou titor unha autorización no momento de acceder ao recinto, documento que se poderá descargar na páxina web municipal. Dende o goberno local recordan ademais que estes menores deberán estar sempre acompañados por unha persoa adulta durante a celebración da cita.

O programa deste novidoso evento continuará ás 18.00 horas coa actuación da Minibanda, un proxecto que naceu conxunto entre a Banda de Música, o conservatorio e Esmuvi. A agrupación conta cunhas 25 persoas de todas as idades e fará o seu debut na "Irmandade".

As melodías continuarán durante toda a tarde e ata ben entrada a noite con Mekanika Rolling Band e os djs Male e Litainer.

Comentarios