O Concello de Vilalba mantén as axudas ás comisións de festas das parroquias

Marta Rouco confirmou que chegou a un acordo coa Deputación para facer fronte a unha partida cuxa ausencia nos orzamentos municipais xerou polémica
Reunión de las comisiones de fiestas de las parroquias con Modesto Renda y Tamara Rodríguez en enero. M.ROCA
photo_camera Reunión de las comisiones de fiestas de las parroquias con Modesto Renda y Tamara Rodríguez en enero. M.ROCA

O Concello de Vilalba confirmou que se van manter as achegas ás festas patronais das parroquias, tal e como se viña facendo nos últimos anos, grazas a unha colaboración lograda pola Alcaldía coa Deputación de Lugo e que foi aprobada onte na xunta de goberno provincial.

A ausencia dunha partida destinada ás axudas nominativas para as comisións de festas do rural nos orzamentos de 2024 xerou un importante malestar e polémica entre os afectados, que mantiveron unha reunión coa responsable de Cultura —alegou entón una redución dos fondos desta área para facer fronte a servizos como o SAF ou o novo contrato de recollida do lixo— e tamén acudiron ao pleno do pasado 1 de febreiro, no que se aprobaban as contas.

Xa entón a rexedora vilalbesa, Marta Rouco, se comprometeu a solucionar "unha necesidade altamente demandada pola veciñanza" e reuniuse co presidente da Deputación, José Tomé, para expoñerlle "a necesidade de colaboración" entre ambas administracións para que o Concello de Vilalba "puidese facer fronte ao gasto que supoñen as axudas nominativas ás comisións de festas das parroquias".

"É algo que me comprometín persoalmente a solucionar cando se presentaron os orzamentos deste 2024 e a concellería de Cultura decidiu non adicar ningún fondo á partida correspondente ás subvencións nominativas das festas patronais. Unhas axudas moi importantes que sempre se deron e que mentres eu estea na alcaldía traballarei para que se sigan concedendo, porque manter vivas as nosas tradicións e as festas patronais das nosas parroquias é fundamental para dinamizar o noso
concello", asegurou Rouco.

Trámites

Unha vez asinado o convenio entre a Deputación de Lugo e o Concello vilalbés, o goberno municipal convocará os representantes das comisións de festas para que estes procedan a asinar o seu acordo de colaboración.

En anos anteriores, a subvención para cada comisión era de 1.200 euros, o que sumaba uns 36.700 en total. Cando se fixo público que non se incluían nos orzamentos, os ramistas criticaron este feito, xa que moitos deles xa tiñan todo contratado para os festexos contando con esta axuda.

Comentarios