Concello e veciños negan que non se homenaxease a Desirée Leal en Cospeito

Os colectivos de Muimenta defenden que se suspenderon actos como "sinal de respecto" e os políticos recordan que se gardaron minutos de silencio e atrasouse a campaña electoral

Acto de homenaje organizado el lunes en Roupar, en el que intervino una vecina de Muimenta. C.ARIAS
photo_camera Acto de homenaxe organizada o luns en Roupar, no que interveu unha veciña de Muimenta. C.ARIAS

O Concello de Cospeito e os veciños de Muimenta negan que non se homenaxease a Desirée Leal no municipio onde vivía e defenden que hai "moitas formas de levar a dor". Logo das críticas dirixidas a eles no acto organizado o luns no cemiterio de Roupar, o día no que a pequena cumpriría oito anos, recoñecen que a localidade continúa en estado "de shock" e que non é fácil soportar a situación porque a dor é "dobre", pola pequena, que todos coñecían e botan de menos, e por ser capaces de interiorizar que a súa nai, coa que tamén conviviron desde que era unha nena, fose capaz de cometer un crime atroz.

"A xente de Muimenta dicimos que se Ana o fixo, como todo parece que foi, que o ten que pagar, non a defendemos", apuntan algunhas voces, que aseguran que "dunha forma máis privada facemos homenaxes todos os días". "Xuntámonos, falamos do tema e choramos", din os veciños.

No ámbito público, recoñecen que "nunca se plantexou unha homenaxe como tal", pero recordan que se cancelaron moitos actos os días posteriores ao tráxico suceso que conmocionou a localidade e que, dalgunha forma, defenden, son "outra forma de homenaxe e un sinal de respecto".

"Foi moi duro, ao principio non se sabían as causas e era todo rumoroloxía ou filtracións pola prensa e aguantouse moita presión mediática. Houbo chamadas de xornalistas facéndose pasar por xente de Anpas e a xente optou polo silencio, sempre co máximo respecto ás familias, tanto do pai como da nai. É unha maneira de levar o dó e é moi respectable", din, e inciden na importancia de deixar traballar a xustiza.

"Si houbo actos públicos e moita consternación, pero a dor lévao cada un por dentro", asegura o alcalde

Desde os colectivos, que negan que ninguén se puxese en contacto con eles para participar no acto de Roupar, explican que se suspendeu a comida posterior á Festa da Filloa e outra de mulleres, unha charla da asociación cultural e que desde a Anpa se organizaron charlas con psicólogos.

E inciden en que é falso que non houbese minutos de silencio, xa que houbo dous, un nunha proba de atletismo que partía de Muimenta e outro na entrega de premios dos Xogos da Mancomunidade, onde nas probas previas os nenos levaban nos seus dorsais o número 403, co que participaría Desirée. "O pavillón de Cospeito estaba cheo de xente, foi algo moi sentido", rememora o rexedor, Armando Castosa, que asegura que o concello viviu un "shock inusual".

DECISIÓN UNÁNIME. "Si houbo actos públicos e moita consternación, pero a dor lévao cada un por dentro. Os que temos responsabilidades públicas temos que mostrar apoio e condolencias", dixo Castosa, e recordou que a decisión "unánime e acordada" dos tres partidos foi atrasar tres días a campaña electoral "a modo de loito", aínda que non houbo un decreto oficial.

"Dende os tres grupos políticos pedimos o máximo respecto nun momento no que era mellor optar pola prudencia e manterse á espera. Consideramos esa a mellor opción, puidémonos equivocar", valora Yolanda García, do BNG, que asegura que ninguén quere "entrar en polémicas" e só "sumarse á dor desas familias".

"Respecto tódolos actos que se organizan, pero tamén pido comprensión e respecto polos que están calados, polos que choran en silencio, polos que coñecendo a Desi e a súa nai non saben que dicir, pero que cada día teñen o seu recordo na cabeza", expresa Rosa Morán, do PSOE, e concelleira de Muimenta, unha localidade, di, máis unida logo da "desgraza, a incredulidade e un sentimento de amor e odio que non é doado de explicar".

Comentarios