O Concello reurbanizará e porá en valor a contorna do castelo de Parga

O proxecto inclúe a renovación de pavimentos e a mellora integral da Praza do Santo Estevo
Zona que se va a reubanizar en Parga. EP
photo_camera Zona que se vai a reurbanizar en Parga. EP

O Concello de Guitiriz encargou a realización dun proxecto co que busca reurbanizar e pór en valor a contorna do castelo da Pobra de Parga, un ben patrimonial declarado de interese cultural que ademais se atopa situado en pleno itinerario do Camiño Norte a Santiago de Compostela.

A rexedora guitiricense, Marisol Morandeira, reuniuse este sábado con Encarnación Rivas, directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo -dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia- para coñecer as diferentes liñas de financiamento ás que pode optar o Concello chairego para pór en marcha este proxecto.

A idea que barallan desde o goberno municipal guitiricense é que os traballos se executen en varias fases, para o que se requiriría un orzamento total de preto de 400.000 euros.

E é que o proxecto que se pretende levar a cabo na contorna do castelo da Pobra de Parga, un lugar histórico do municipio, inclúe a realización de varias actuacións, entre elas a renovación do pavimento da Costa da Cruz e da Rúa da Pobra por outro de formigón desactivado, "máis acorde coa contorna rural que atravesa", explican desde o Concello.

O histórico castelo, declarado BIC en 1994, está situado no itinerario do Camiño Norte

O proxecto incluiría tamén a construción do firme no fondo da Praza do Santo Estevo e no camiño do castelo, así como a mellora integral da praza, "renovando o pavimento en mal estado, definindo os seus límites e facendo unha inserción adecuada de tapas de arquetas e outros elementos das redes de servizo", avanzan.

A todo isto, sumarase o "soterramento das redes de telefonía e electricidade", ademais da colocación de árbores "e mobiliario urbano como bancos, novos indicadores e un novo sistema de iluminación pública", para darlle unha nova imaxe a unha zona transitada por peregrinos.

HISTORIA. O castelo da Pobra de Parga, que ten as súas orixes entre finais do século XIV ou principios do XV, utilizábase para vixiar o camiño que unía Lucus Augusti con Flavium Brigantium. Tamén foi durante un tempo cárcere xurisdicional e en 1994 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC).

Comentarios