O Concello realizará obras de mellora na estrada do mercado de Castro

Destinará 119.000 euros ao proxecto, que incluirá a renovación do saneamento, unha nova rede de pluviais e un tramo de beirarrúa

O Concello de Castro de Rei realizará obras de mellora na estrada do mercado de Castro co obxectivo de modernizar os servizos e evitar os continuos desbordes en época de choivas da rede de saneamento. O proxecto, que sairá a licitación nos próximos días, ten un orzamento de 119.000 euros.

"Son obras moi importantes, aínda que non se ven", destacou o rexedor de Castro de Rei, Francisco Balado, que recordou que logo da remodelación da rúa Trapero Pardo -pavimentouse e ensanchouse cun orzamento de 176.000 euros- centraranse na perpendicular, unha rúa na que se atopan situadas algunhas das principais instalacións públicas da zona, como o pavillón municipal, a gardería ou o propio mercado gandeiro.

"O firme nesta rúa está ben pero a rede de saneamento é moi antiga e vén sufrindo avarías e roturas. Ademais como a rede de sumidoiros leva moita carga trataremos de reducila cunha nova rede separativa", indicou o rexedor chairego, que explicou que as canalizacións pasan por unha banda da estrada, polo que practicamente non haberá que tocarlle ao firme da vía.

O proxecto inclúe a substitución de todas as canalizacións existentes e a instalación dos pozos de rexistro e as correspondentes acometidas aos edificios da zona, ademais da construción dunha rede de pluviais independente, que comezará no cruzamento coa Avenida Terra Chá. Ademais, reporanse as redes de iluminación pública, telefonía e auga potable e colocaranse bocas de rega para uso público.

"Tamén aproveitaremos para construír uns tramos de beirarrúa que non existían nesta zona", destacou Balado, que indicou que a obra, que ten un prazo de execución de 30 días, financiarase con cargo ao plan único da Deputación.

A maiores desta actuación, o Concello de Castro de Rei sacará tamén estes días a licitación outra obra para o asfaltado e a mellora dos accesos aos barrios de Piñor, Sabugueiro e Currás, na parroquia de Santa Locaia; A Granda, na de Ramil; San Marcos, en Mos; Castrillón, en Ribeiras de Lea, e Espedriz, na parroquia de Dumpín.

En total, destinará unha partida de 103.000 euros, tamén financiada a través do plan único da Deputación. Neste caso o prazo de execución será de tres semanas.

Comentarios