O Concello propón poñerlle ao pavillón de Guitiriz o nome de Jonathan Carro

A corporación abordará no próximo pleno a aprobación dun regulamento municipal que fixe as bases deste tipo de homenaxes
2020020113331553260
photo_camera Jonathan Carro. EP

O goberno local de Guitiriz aproveitou a sesión plenaria deste xoves para proporlle ao resto da corporación que o pavillón municipal leve o nome do ximnasta local Jonathan Carro, ademais de presentarlles un borrador para sentar as bases deste tipo de tributos, con vistas a aprobar un regulamento consensuado no próximo pleno.

"O pavillón non ten nome e cremos que Jonathan foi unha persoa valente por dedicarse ao que lle gustaba e enfrontarse aos estereotipos, as súas características humanas e deportivas lévanos a pensar que ou polideportivo non podería ter mellor nome ca ese", afirmou a alcaldesa, Marisol Morandeira, que precisou que antes de propolo abordouse o tema coa familia do ximnasta.

"Enorgullécenos saber que se valora todo o seu esforzo e dedicación pola súa paixón desde fóra da contorna familiar, estamos moi felices de que a parte de nos nosos corazóns, decidan manter vivo o seu nome no lugar onde naceu", manifestaron desde a súa familia, agradecidos ao goberno local por esta iniciativa que busca recordar ao novo guitiricense falecido esta semana aos 26 anos.

"Enorgullécenos saber que se valora todo o seu esforzo e dedicación", manifestaron desde a familia

"No deporte necesítase constancia, enerxía e valor. Sen dúbida el é mellor referente que se pode ter, tanto no ámbito deportivo como no persoal", destacaron os pais, a irmá e a parella de Jonathan Carro.

Desde a oposición, PP e BNG mostráronse dispostos a apoiar e colaborar na elaboración do regulamento municipal que defina este tipo de homenaxes, unha necesidade que xa se abordou cando se nomeou fillo adoptivo a Afonso Branco. "Estamos totalmente de acordo coa proposta", asegurou Xosé Lois González Souto, portavoz do BNG, mentres que Xosé María Teixido, do PP, mostrouse partidario deste tipo de homenaxes, xa que habería máis veciños susceptibles de recibilos.

Comentarios