O Concello pontés esixe medidas a prol dunha transición enerxética xusta

Todos os representantes municipais aprobaron hoxe por unanimidade unha declación institucional para a creación dunha mesa de traballo integrada por todos os actores implicados.

Central térmica das Pontes. AEP
photo_camera Central térmica das Pontes. AEP

O Concello das Pontes vén de aprobar unha declaración institucional para esixir solucións á problemática xerada arredor da inactividade na central térmica de Endesa polos altos prezos das emisións do CO2.

Un dos acordos aos que chegaron todas as forzas políticas foi o de solicitar ao Ministerio de Transición Ecolóxica a creación dunha mesa de traballo, na que todos os actores afectados estean presentes, co fin de estudar e levar a cabo medidas paliativas que garantan a continuidade  produtiva dos complexos térmicos. O obxectivo é lograr condicións de competitividade e rendibilidade dos investimentos realizadas nos últimos anos, así como manter os postos de traballo. 

A térmica pontesa, seguirá en funcionamento ata máis aló de 2020 e investiranse 220 millóns de euros co fin de adaptar o complexo á Directiva de Emisións Industriais (DEI). Deste xeito, manteranse os postos de traballo directos e indirectos que crea e seguirá sendo un dos motores económicos da zona.

Por outra banda, o concello aprobou tamén esixir ao comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía a intervención no mercado de emisións de CO2 para impedir as prácticas puramente especulativas que afectan aos prezos da enerxía e, por conseguinte, aos sectores industriais do país. 

Comentarios