O Concello da Pastoriza mellora as escolas para albergar traballadores

Anuncia un investimento de 75.000 euros na de Bretoña para acondicionar o baixo, hoxe centro de saúde, e dúas viviendas

photo_camera Carreira, acompañada de membros do BNG, en Bretoña. C.PÉREZ

A tenente de alcalde da Pastoriza, Elva Carreira, anunciou este mércores que o Concello destinará 75.522,53 euros, financiados co plan único e fondos propios, para acondicionar a antiga escola de Bretoña, un primeiro paso para solucionar a falta de vivenda existente no municipio e poder así atraer a traballadores, tanto para o sector primario como a construción ou as empresas de servizos.

"Queremos dar resposta á demanda de vivenda, poñéndoas a disposición de xente que veña traballar ao concello", concretou Carreira, que explicou que o acondicionamento das dúas vivendas das que dispón a escola de Bretoña é un primeiro paso que pretenden levar a cabo tamén en Crecente, Úbeda e Vián, para o que esperan obter axudas dunha liña específica da Xunta.

Carreira avanzou tamén que prevén redactar unha ordenanza para fixar as normas de uso destas futuras vivendas, ademais de regularizar o daquelas que xa levan anos con inquilinos. Para iso seguirán os criterios que marca a Xunta para este tipo de normativas.

A tenente de alcalde, que visitou a escola de Bretoña xunto á candidata ao Congreso do BNG, Maite Ferreiro, explicou que o baixo do inmoble estaba a usarse como centro de saúde, aínda que case non ten actividade polo seu mal estado, polo que se acondicionará para acoller sesións de fisioterapia, que xa hai noutra localización, ou unha consulta de podoloxía.

Comentarios