O Concello das Pontes programa unha vintena de actos para este Nadal

Haberá actuacións musicais, teatro, maxia ou cine, ao que se sumarán un ano máis a pista de patinaxe de xeo e actividades para nenos
Pista de xeo das Pontes, o Nadal pasado. AEP
photo_camera Pista de xeo das Pontes, o Nadal pasado. AEP

O Concello das Pontes organiza máis dunha vintena de actos para este Nadal nun programa que inclúe actuacións musicais, teatro, maxia ou cine e que unha vez máis contará coa pista de patinaxe de xeo en Santa María e con actividades para os máis pequenos no mercado de abastos.

O programa arrancou esta semana coa inauguración da nova exposición da asociación Artpo, que se pode ver na Casa Dopeso, e co musical Bella y Bestia, que encheu de público o auditorio Alovi, igual que a Casa Dopeso coa proxección de Frozen II. Hoxe haberá outros dous pases, ás 17.00 horas e ás 19.30.

As actividades continuarán o martes 10 cun concerto das escolas municipais de pandeireta e de acordeón, que tocarán no centro sociocomunitario ás 18.30 horas. O venres haberá teatro con Tanxarina Títeres no Alovi ás 18.00 horas, o sábado a asociación cultural Pianeiros ofrecerá un concerto na Casa Dopeso ás 12.00 e o domingo será o turno da coral Endesa, o coro infantil do conservatorio e a coral Área Sanitaria de Ferrol, ás 12.00 horas na igrexa. Na fin de semana proxectaranse Playmobil e Puñales por la espalda.

A seguinte semana, o 17 será o turno da escola de música de pandeireta, do coro infantil do conservatorio e do grupo Old Viena, o 19 tocarán a banda e a orquestra do conservatorio e o 20 a asociación cultural Alende ocuparase de cantar os aguinaldos.

Tamén haberá actuacións da Rondalla Vila das Pontes e da Sociedad RC de Sada o 20 e o fin de semana poderá verse Last Christmas no cine e o Alovi acollerá o musical Vaya Santa Claus.

O programa continuará o 23 con teatro da man de Magín Blanco, o 26 haberá actuación da banda de música local e o 27 será o turno da compañía Ghazafelhos. Tamén haberá cine: Star Wars. El ascenso de Skywalker.

Xa en xaneiro está programado un espectáculo do Mago Edgar, a proxección de Jumanji e a Cabalgata de Reis o día 5.
 

Comentarios