viernes. 03.04.2020 |
El tiempo
viernes. 03.04.2020
El tiempo

O Concello de Cospeito destina 360.000 euros á mellora de vías municipais

Unha das vías que se renovan en Santa Cristina, en Cospeito. C.ARIAS
Unha das vías que se renovan en Santa Cristina, en Cospeito. C.ARIAS
As obras realízanse en estradas que vertebran o municipio. Ademais do firme, renóvase a sinalización

O Concello de Cospeito destina máis de 360.000 euros á mellora de vías municipais. As obras, a maioría xa en execución pero de proxectos de 2019, realízanse en estradas que "vertebran o municipio", tal e como indica o rexedor cospeités, Armando Castosa, que explica que as vías nas que se está actuando serven para comunicar parroquias entre si ou o municipio con outros limítrofes.

As actuacións, ademais de renovar o firme das estradas con aglomerado en quente, inclúen a colocación de nova sinalización vertical e horizontal.

Entre a listaxe de obras que se están acometendo, inclúense melloras de accesos na parroquia de Pino, desde Catro Camiños a Broz, e na de Santa Cristina, onde se está executando a primeira fase do proxecto, que vai desde a estrada de Roás á Feira do Monte ata o barrio de Abelleiras. En total, destínanse a este paquete 96.780 euros.

O Concello inviste por outra banda 96.382 euros á mellora de accesos desde a estrada Vilalba-Meira ao barrio de Mide, na parroquia de Goá; á segunda fase da estrada de Santa Cristina, que nesta inclúe o trazado desde o barrio de Abelleiras á vía de Feira do Monte-O Santo, e en Muimenta, á vía que vai desde a Vilalba-Meira ao Arneiro pasando por Traba e Porto do Sal.

A maioría das obras xa están en execución

Nun terceiro paquete, dedicaranse 128.616 euros á pavimentación de vías municipais en Goá —o acceso da de Feira do Monte-O Santo á igrexa de Goá— pasando por Casablanca e actuacións en Xermar, da estrada de San Martín de Lamas-Feira do Monte á de Feira do Monte a Castro pasando por Carballosa.

Por outra banda, acometerase a terceira fase da estrada que vai da Feira do Monte-Vilalba á estrada Vilalba-Meira, pasando por Tenencia, en Rioaveso, á que se destinarán 40.000 euros.

"Á parte da rexeneración das estradas, o que intentamos é que as actuacións se manteñan tempo, polo que estamos a usar aglomerado en quente", resalta Armando Castosa, que fai fincapé en que se busca unha mellora á hora da condución, pero sobre todo da seguridade dos usuarios desas vías, que, resalta, "non benefician só aos veciños das parroquias onde se executan as obras, xa que serven de interconexión entre parroquias e comunican con outros concellos".

Finalizada a senda da Lagoa
O Concello acaba de finalizar as obras da senda peonil que une a Lagoa de Cospeito ao centro urbano, pola rúa Rosalía de Castro. Tras as dúas fases anteriores, acometéronse agora outras dúas que melloraron os servizos. Ademais, continuouse o muro de pedra paralelo e fíxose outra parte da senda desde o centro de interpretación á Fonte da Lagoa, que se enmarca dentro da Ruta das Fontes.

Epicentro das visitas
O Museo das Aves abre de venres a domingo de 11.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 18.00 (a partir de maio, de 16.00 a 19.00 horas).

O Concello de Cospeito destina 360.000 euros á mellora de vías...
Comentarios