O Concello e colectivos de Guitiriz esixen á CHMS a limpeza do río Parga

Rexistraron un escrito no que piden que o ente execute os labores de retirada da vexetación ou se lles permita a eles facelo
Estado que presenta el río Parga.
photo_camera Estado que presenta el río Parga.

O Club de Amigos do Río Parga, a asociación de veciños propietarios Feira de Parga, a asociación de comuneiros do monte de Santo Estevo de Parga e o Club Fluvial de Parga, xunto ao Concello de Guitiriz, rexistraron o pasado luns un escrito na Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para esixir a urxente limpeza do río Parga, concretamente na piscina natural da localidade e no tramo comprendido entre a ponte e o muíño de Parga, un tramo que non supera os 500 metros de lonxitude.

Tal e como denuncian os colectivos asinantes no documento, a vexetación invadiu a práctica totalidade das augas, facéndoas impracticables tanto para a pesca como para a natación. Na piscina, a espesa vexetación chega a cubrir entre un 70% e un 90% de río, "dependendo da zona afectada", segundo cifra Fernando Prieto, presidente do Club de Amigos do Río Parga,

"A piscina está totalmente impracticable para o baño e igual leva tres ou catro anos así", explica Prieto, á vez que recorda como "antes era moita a xente que viña aquí a bañarse".

Debido a unha situación que se volveu "prexudicial" para a fauna do propio río, os demandantes instan o organismo de conca a executar canto antes labores de limpeza e, de non ser posible, que se lles permita a eles mesmos retirar a vexetación sobrante de forma manual e respectando o ecosistema da conca fluvial. "Unímonos varios colectivos e estamos dispostos, xunto cos veciños, a limpar nós mesmos este tramo do río sen custo algún. Logo retirariamos eses vexetais para unha zona axeitada para elaborar compost, ou se alguén nolo pide tamén llos dariamos", asegura.

Polo momento non obtiveron resposta, pero esperan que os traballos comecen canto antes, pois o estado do río converte en "incómodo para vos peixes a busca de alimento" e a mediados do mes de xuño pecharanse as comportas da piscina natural, o que faría máis dificultosas as tarefas de limpeza.

Comentarios