O Concello de Abadín creará unha residencia de maiores con 54 prazas

O goberno municipal prevé destinar 1,5 millóns de euros a arranxar un inmoble que se creou con fins educativos e nunca se usou
26,35,164,174.094131
photo_camera Edificio que albergará a nova residencia da terceira idade. M. ROCA

O Concello de Abadín destinará ao redor de 1,5 millóns de euros das arcas municipais a crear unha nova residencia de maiores no municipio, que contará con 54 prazas.

O novo centro asistencial estará situado nun inmoble que se creou con fins educativos -o denominado colexio novo, que se ía a destinar a instituto- e que nunca chegou a usarse. Para iso, no próximo pleno, previsto para a semana que vén, abordarase a desafectación deste edificio e poder executar así un proxecto que empezou a fraguarse a principios de 2020 pero que a pandemia do coronavirus paralizou momentaneamente, tal e como explicou o alcalde abadinés, José María López Rancaño.

"Que usemos un edificio que xa existe e só hai que acondicionar e que o vaiamos a facer con fondos propios e non dependamos doutras administracións fará que o proxecto vaia moi rápido. Xa falamos co banco para o financiamento", apuntou o rexedor, que avanzou que os prazos que lle trasladan os técnicos é que a residencia poida estar operativa "en menos dun ano".

Rancaño estima que a residencia pode estar operativa "en menos dun ano"

Rancaño explicou que o orzamento que se manexa inclúe o arranxo do edificio, dotalo de mobiliario, dar de alta os servizos básicos e a contratación dunha empresa para xestionala. "Xa temos experiencia de cando se creou o centro de día e agora de pór en marcha o Servizo de Axuda non Fogar (SAF). Neste caso, o Concello é o propietario da residencia e poderá pór os requisitos que considere convenientes, como, por exemplo, que se destine un número de prazas concreto a xente de Abadín", indicou o alcalde.

En canto aos traballos, Rancaño explicou que se poderán executar rápido xa que "só se trata de baleiralo todo, botar o cascallo fóra e empezar a tabicar os novos espazos" e que a inmoble conta cos servizos de electricidade e subministración de auga, aínda que este haberá que melloralo.

NOVAS INSTALACIÓNS. O proxecto para a nova residencia da terceira idade de Abadín inclúe unha actuación integral nas dúas plantas do edificio, que contan cunha superficie duns 700 metros cadrados cada unha.

Na planta alta habilitaranse 26 habitacións dobres con cuarto de baño, todas exteriores e cunha superficie duns 13,5 metros cadrados -menos dous, que alcanzan os 14,62-.

Na planta baixa, haberá dúas habitacións máis con baño, pero individuais. Xunto a elas estarán a consulta médica, unha habitación de illamento con cuarto de baño, a enfermería (un local con tres camas), unha sala de rehabilitación e outra polivalente e unha sala de convivencia de máis de 100 metros cadrados.

A outra á do edificio contará coa zona de persoal e dirección, o espazo dedicado a cociñas, almacén e despensa, e un comedor de 121 metros cadrados.

Os técnicos que elaboraron o proxecto destacan deste inmoble que está situado nun solar de topografía favorable, parcialmente urbanizado e dotado dos servizos urbanísticos necesarios, ademais de ben situado no centro urbano e "moi ben comunicado, o que facilita a mobilidade dos residentes".

A reorganización afecta o salón e actos do colexio
O inmoble que se acondicionará como residencia só se usaba nunha parte como salón de actos para os alumnos do colexio Aquilino Iglesia Alvariño, o cal se cambiará de localización.

Dous espazos
No recinto escolar hai un edificio onde se creou un ximnasio municipal hai anos. Este espazo reorganizarase dividíndoo en dous para que nunha parte estean os aparellos e noutra o salón de actos.

 

Urbanización

O proxecto inclúe unha rúa que unirá a casa consistorial co novo centro

A creación da nova residencia da terceira idade en Abadín levará aparellada unha actuación de urbanización na zona, de forma que se creará unha nova rúa que permitirá mellorar os accesos ao futuro centro asistencial e ofrecer un novo espazo público no centro urbano. 

A nova vía unirá a casa consistorial coa pista que conduce ata almacén municipal, por detrás do colexio e do inmoble no que se actuará, a cal actualmente non ten saída.

"Xa falamos co propietario dos terreos e está todo arranxado para poder facer a nova rúa. Como na leira hai unha carballeira moi grande, serviranos para facer unha nova área de esparexemento non só para os maiores, senón para todo o pobo", explicou José María López Rancaño, que engadiu que este proxecto tamén se executará con fondos propios.

Esta actuación urbanística inclúe ademais crear unha nova zona de aparcadoiros pola parte traseira do consistorio, en cuxo hall xa poden consultar todos os veciños o plano da nova residencia, así como uns documentos que recollen a información básica das instalacións que terá.

Comentarios