Vilalbeses polo mundo: Denisse Lozano, con Bruxelas no obxectivo

A comunicadora audiovisual inicia un contrato laboral no Parlamento Europeo, unha institución na que xa tivo a oportunidade de traballar como bolseira
Denisse Lozano, cunha cámara. EP
photo_camera Denisse Lozano, cunha cámara. EP

O talento vilalbés traspasa fronteiras. Doutores, investigadores, escritores ou artistas. Son ducias os mozos criados na capital chairega que están a conseguir a base de traballo e moito esforzo facerse un oco nos seus respectivos campos profesionais lonxe das súas terras. A última en engrosar a xa de por si longa lista é a comunicadora audiovisual Denisse Lozano Hermida, unha moza que iniciará este mes de xaneiro un contrato laboral no Parlamento Europeo.

Con Bruxelas no obxectivo, Denisse volverá a unha unidade audiovisual na que se fan vídeos e fotografías, e na que xa tivo a oportunidade de experimentar durante uns oito meses como bolseira.

"Foi unha experiencia única polo extraordinario da institución", explica a moza vilalbesa, confirmando que "o día a día alí é diferente ao de calquera outro lugar".

"Ver a preparación das últimas eleccións foi moi interesante desde un punto de vista persoal", engade, mentres avanza que o seu regreso a este escenario onde se decide o futuro dos europeos permitiralle "asumir máis responsabilidade e explorar outros aspectos do traballo".

A moza, que foi premio extraordinario da carreira, acumula varios galardóns e é membro da Academia Galega do Audiovisual

Unha experiencia á que chegou logo de escoller este camiño profesional case de casualidade. "O meu irmán faloume da carreira porque sempre me gustou ver series e películas. Nunca pensara neste mundo como unha opción de futuro, pero cando aprendín máis sobre cine souben que era iso o que quería facer", reflexiona Denisse, que foi premio extraordinadio na súa promoción.

"A etapa universitaria foi moi enriquecedora, un momento de crecemento tanto a nivel persoal como académico", indica a moza, quen nun repaso mental destaca a profesores coma "José Luis Castro de Paz ou Margarita Ledo", xa que lle axudaron "a cambiar a miña forma de ver e analizar as películas, e reforzaron a miña cinefilia e o meu espírito crítico".

"Tamén valoro moito a oportunidade que me deu coñecer de cerca a xente como Pepe Coira, Araceli Gonda ou Xaime Fandiño", engade Denisse, quen dende 2017 forma parte da Academia Galega do Audiovisual, logo de gañar varios premios cos seus proxectos.

Traballos que foron feitos "case todos con menos medios dos que creo que precisaban", analiza a creadora, quen dos que máis satisfeita se sente son "dos videoensaios, que teñen unha produción menos esixente e quedaron máis cerca da miña idea inicial".

Aínda que non fosen todo o redondos que esperaba, moitos recibiron o beneplácito dos xurados de diferentes certames. "Os premios sempre reconfortan e animan a seguir traballando", di a moza, quen cre que tamén permiten "difundir e visibilizar traballos que doutro xeito terían moi difícil chegar ao público".

"E claro, cando os acompaña unha recompensa económica tamén serven de fonte de finaciamento para a seguinte idea", engade Denisse, que ademais de centrarse no seu traballo no Parlamento Europeo xa ten "no peto un par de proxectos nos que ir traballando". "Aínda non sei cando contarei co tempo e os medios para levalos adiante", afirma a moza, quen espera poder cumprir algún día o seu soño de "dirixir películas".

Autora dunha ducia de proxectos
Denisse Lozano rematou en 2013 o Grao en Comunicación Audiovisual, e neste periodo xa dirixiu unha ducia de proxectos. Entre eles, Andares paralelos, premio Isidro Novo no certame de videocreación da USC de Lugo; Series diferentes, galardoado co María Luz Morales ao mellor videoensaio internacional; Ser de acó, merecedor do segundo premio no Xuventude Crea 2018, ou Choiva, un poema visual que foi finalista no certame Curtas para Rosalía.

COLABORACIÓN. Ademais, a moza vilalbesa ten colaborado como script, directora de fotografía, operadora de cámara ou iluminadora noutra ducia de traballos audiovisuais, dende longametraxes a curtas ou vídeos musicais. Imaxe e son Denisse di que o que máis lle atrae do audiovisual é "a súa capacidade de narrar dun xeito diferente". "Interésame como se mesturan a imaxe e o son para transmitir ideas e emocións", defende a creadora, quen cre que o cine e moitas series de televisión son os produtos "que mellor exploran esta faceta artística".

REFERENTES. Son moitos os cineastas que interesan á vilalbesa, quen di que os seus referentes varían "segundo o proxecto que estea preparando". "Hai moitas películas que aínda que sexan imperfectas teñen algún aspecto que as fai especiais".

Comentarios