Os comuneiros de San Xoán de Guitiriz melloran a casa do pantano

O proxecto, dentro das melloras na área, inclúe a implantación de tarifas para o seu uso
undefined
photo_camera Francisco Roca, na área recreativa, coa casa forestal ao fondo. C. PÉREZ

A comunidade de montes veciñais en man común de San Xoán de Lagostelle realizou melloras na antiga casa forestal do pantano de Guitiriz, para a que tamén se fixaron en asemblea unhas tarifas de uso.

A que albergou unha aula da natureza noutra época, e que pasou a ser titularidade dos comuneiros cando se desconvenió o monte, estaba deteriorada e con humidades, polo que se procedeu a substituír a cuberta, ademais de pintar e reparar as fiestras e o mobiliario ou a cheminea. Tamén se colocaron novas placas solares -non hai tendido eléctrico- no edificio anexo, onde están os baños, que se melloraron cunha nova conexión de auga.

O presidente da comunidade de montes, Francisco Roca, explicou que tamén se fixaron taxas para o seu uso -cobraranse 20 euros por día laborable e 30, por festivos, sábados e domingos-, ademais de chegar a un acordo cun comuneiro que se encargará de xestionar as reservas durante un ano. Así, as persoas interesadas deben chamar ao 699.06.42.97.

"Este é un sitio privilexiado, onde a xente vén descansar, pasear ou observar a natureza", di Roca, que tamén avanza que están a ultimar a posta en marcha dun coto de cogomelos e castañas, gratuíto para os veciños da parroquia de San Xoán de Lagostelle e cunha taxa para o resto de persoas interesadas en acceder.

Ademais, nos últimos meses realizaron curtas selectivas de piñeiro radiata e podas en altura da frondosas da área recreativa, ademais de dotar dun novo peche o pantano ao lado da pista. No resto do monte xa completaron a creación de franxas de protección xunto ás pistas, un traballo que agora se completará coa reposición con frondosas.

Comentarios