Comercio na Rúa saca os produtos de 24 locais de Vilalba ás beirarrúas

A campaña será do 26 ao 30, en horario comercial. Sete Pontes e o Concello colaboran nesta iniciativa
Presentación de la campaña. C. PÉREZ
photo_camera Presentación da campaña. C. PÉREZ

Dinamizar e promocionar o comercio local e incrementar a oferta durante as festas patronais de San Ramón e Santa María. Ese é o dobre obxectivo que persegue a primeira edición da campaña Comercio na Rúa, que conta coa participación dun total de 24 establecementos comerciais de distinta índole.

Do luns 26 ao venres 30, no horario comercial habitual, coa excepción da tarde do 29 para non interferir coa celebración do Día da Bicicleta, os negocios que se sumaron a esta nova campaña exporán o seu xénero nas beirarrúas.

A asociación de empresarios Sete Pontes impulsa esta iniciativa coa colaboración do Concello de Vilalba. O presidente da entidade, Álvaro Fraga, explicou que esta nova proposta busca "facer algo diferente e dinamizar máis se cabe o comercio vilalbés aproveitando a época estival", respondendo ademais á demanda dos propios comerciantes, que buscan novas fórmulas para promocionar os seus negocios.

Esta campaña pretende potenciar un sector "estratéxico" para o municipio

Fraga recordou que Sete Pontes está a organizar unha ducia de campañas ao ano no comercio, ademais das de hostalería, e agradeceu o apoio do Concello, aínda que tamén aproveitou para pedir "máis colaboración para todos os eventos".

Modesto Renda, edil de turismo e comercio, comprometeuse a seguir apoiando e incluso a fixar partidas específicas para axudar a un sector "estratéxico" en Vilalba, que nesta ocasión "saca os seus produtos ás beirrarúas para proxectar as vantaxes do comercio de proximidade nunhas datas sinaladas". Desexou ademais que esta iniciativa poida ter "continuidade non tempo".

Ao acto de presentación, que tivo lugar na sede de Sete Pontes, tamén acudiron, en representación dos negocios participantes, Manuel Luís Rodríguez, da Multitienda Taraxal, que destacou as virtudes da proposta e o desexo común de seguir traballando nesta liña, e Antía Naveiras, da tenda de moda infantil Carapuchiña Vermella, quen precisou que os postos na rúa incluirán tanto produtos de rebaixas como novidades.

Os viandantes poderán gozar dunha oferta moi variada, xa que á campaña sumáronse un 70 ou 80% dos asociados de comercio, segundo precisou Fraga, entre os que hai desde tendas de roupa ou zapaterías ata ferraxerías, pasando por librerías, barberías ou ópticas.

PARTICIPANTES

Así, os negocios participantes son Novalux Óptica, Carapuchiña Vermella, Maymar, O Gato con Botas, O Peto Máxico, Acheite, O Tenderete, O Rincón Encantado, Sanjurjo Moda, Texas, Cárber Moda, Florería Lillium, Óptico Alain Afflelou Vilalba, Albosat Milar, Casabedra Moda, Intermoda, Retoños, Mobelrías, Urbo, Zokos, Ferraxería Pontes, Librería Feli, Barbería Celia e Multitienda Taraxal.

Comentarios