lunes. 02.08.2021 |
El tiempo
lunes. 02.08.2021
El tiempo

O comercio local loita por atraer clientes no Nadal nun ano difícil para o sector

Compras en Don Dino, nas Pontes. EP
Compras en Don Dino, nas Pontes. EP
Concellos e colectivos de empresarios de Terra Chá, Meira e As Pontes lanzan campañas para reforzar as compras de proximidade nesta especial tempada, diluída polo coronavirus e ante o aumento das vendas en plataformas online 

Varios concellos e colectivos de empresarios de TerraChá, Meira e As Pontes lanzan campañas de Nadal para atraer clientes e reforzar as vendas nunha campaña difícil, ensombrecida polo coronavirus. Ás restricións de mobilidade nalgúns concellos —Vilalba e As Pontes están pechados perimetralmente— súmase o aumento das compras online coa pandemia, e o comercio local busca alternativas.

Catro campañas, o Merca e Gaña no Comercio Local de Vilalba, o Merca nas Pontes, o Mercar no Concello de Guitiriz ten Premio e o Mercado de Nadal de Muimenta, repartirán ao longo deste mes e ata principios de xaneiro un total de 9.050 euros en premios entre os clientes que aposten polo comercio de proximidade. Están involucrados 203 negocios

A asociación Cohempo, en colaboración co Concello das Pontes e o Ippec, entregará a contía máis alta: 3.000 euros que se repartirán en oito sorteos, con sete galardóns de 300 euros e un final de 1.000. Os afortunados poderán gastar os vales nos 49 establecementos da localidade que participan. 

O Concello de Guitiriz é o encargado de impulsar este ano unha nova campaña de Nadal, na que se repartirán 2.250 euros en vales regalo de 50 euros, co obxectivo de dinamizar o comercio local. Participan no Mercar no Concello de Guitiriz ten Premio un total de 45 establecementos, pero hai novidades: os gañadores deberán consumir o 100% do vale no negocio que repartiu o premio. 

Na capital chairega, a asociación de empresarios Sete Pontes promove, coa colaboración do Concello, Caixa Rural e Abanca, o Merca e Gaña no Comercio Local de Vilalba, que regalará 2.000 euros en premios. No caso vilalbés, haberá catro premios de 500 euros e ademais de 51 comercios adheríronse a esta proposta 29 bares e restaurantes. Conseguir un premio supón facer máis dunha compra —para participar hai que completar sete casillas de comercios e sete de hostalaría—, pero a recompensa é alta. 

No XII Mercado de Nadal de Muimenta, que organiza un ano máis a asociación de empresarios local, a campaña tamén inclúe bares e tendas e repartirá 1.800 euros en premios, con 18 vales de 100 euros cada un para gastar nos 29 establecementos que se sumaron á iniciativa. 

Pero os premios e os sorteos, pese a ser un dos grandes imáns, non son as únicas propostas que se organizan para potenciar o comercio local. A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Meira (Acea) estreou este ano a comercialización de bonos regalo de dez euros para impulsar o sector na campaña navideña. As tarxetas regalo son canxeables en 140 negocios socios da entidade, principalmente de Meira pero tamén doutros concellos da zona.

Os concursos de escaparates en Vilalba ou en Meira son outras das iniciativas que buscan poñer en valor o comercio de proximidade. E, na capital chairega, o Concello vilalbés, que a través do plan de bonos estima que se alcanzaron vendas por valor de 650.000 euros na localidade, acaba de poñer en marcha outra proposta co reparto de 20.000 bolsas e de 10.000 pegatinas co lema ‘Grazas por mercar en Vilalba’, que os establecementos darán aos seus clientes cando merquen no comercio local.

O comercio local loita por atraer clientes no Nadal nun ano difícil...
comentarios