Os comerciantes de Vilalba cancelan as protestas pola Rúa dá Pravia

Decidiron "dar un voto de confianza" ao Concello tras un encontro coa alcaldesa no que lle transmitiron as súas reivindicacións
35,35,278,285.860809
photo_camera Última reunión dos comerciantes vilalbeses. M. ROCA

Os comerciantes contrarios á unidireccionalidade da Rúa da Pravia de Vilalba acordaron nunha reunión cancelar os actos de protesta previstos -estaban fixadas e autorizadas polo menos tres concentracións os martes deste mes- para "dar un voto de confianza" ao goberno local tras manter un encontro informal coa alcaldesa no que lle puideron transmitir as súas reivindicacións.

O cambio de hora e localización da mobilización prevista para o pasado martes, do mediodía ante o consistorio, ás 20.30 na Rúa da Pravia, propiciou o citado encontro, xa que o Concello presentou unha alegación á Subdelegación do Goberno para non facela na propia rúa a raíz do corte de tráfico na Rúa Plácido Pena de martes e mércores pola renovación da iluminación pública.

Elba Veleiro comunicouse coas persoas convocantes da protesta para abordar un novo lugar de celebración da protesta, e estas aproveitaron para trasladarlle as súas peticións nunha "reunión informal e moi cordial", segundo ambas as partes.

Os comerciantes comentáronlle a Elba Veleiro o seu desacordo respecto da unidireccionalidade da vía, ao que a rexedora respondeu que se podería estudar", segundo os veciños 

Os comerciantes lamentaron que se lles confirmase que o obxectivo do Concello é deixar a Rúa da Pravia con dirección única, aproveitando a actuación que hai que acometer para renovar toda a traída en ambos os lados da vía. "Comentámoslle que era mellor pola na outra dirección e dixo que se podería estudar", sinalaron.

Tamén lle trasladaron a súa petición de pór zona azul gratuíta limitada na Rúa da Pravia e no aparcadoiro dos subterráneos e mellorar a sinalización nos accesos ao centro urbano "para que a xente non se perda dando voltas cando chegan á Rúa da Pravia e non poidan pasar". "Son cousas que queremos facer, pero levan tempo, sobre todo o da zona azul, porque hai que modificar ordenanzas", indicou Veleiro.

Habilitar unha zona de aparcadoiro de urxencia, para que particulares poidan estacionar a coller algún paquete, e potenciar as feiras no casco antigo foron outros temas que expuxeron á rexedora.

"Queremos que quede claro que non nos rendemos, pero imos dar unha marxe ata outubro para darlles tempo a solucionar estas reivindicacións que facemos, xa que todo isto foi por mor de algo imprevisto", manifestaron os comerciantes, que farán un buzoneo polas casas co escrito que presentaron no Concello, para dar a coñecer as súas peticións, e non descartan facer unha recollida de firmas.

Comentarios